RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Partidos de máxima esixencia para Borges e Fede Valverde esta próxima madrugada en España

- Foto: @CelsoBorgesCR -

Hoxe martes 5 de setembro (madrugada do mércores 6 en España), Celso Borges e Fede Valverde xogan en San José de Costa Rica e Asunción (Paraguai) respectivamente.

Con Schär xa en Abegondo, hoxe espérase a chegada á Coruña de Andone, Pantilimon e Tytoń.

Celso Borges recibe en Costa Rica a México

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, enfróntanse a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada en España), xa clasificada para Rusia 2018.

O pasado venres, Celso Borges logrou un gran triunfo en Estados Unidos (0-2), en choque que se disputou no Red Bull Arena de Harrison (Nova Jersey).

O mediocentro deportivista xogou os noventa minutos nun brillante partido dos 'ticos'.

Tal e como apuntan varios medios de comunicación de Costa Rica, se Celso Borges xoga ante México, converterase no xogador con máis partidos en eliminatorias mundialistas, cun total de 43 presenzas.

En total, o mediocentro branquiazul superou xa os 100 partidos coa selección costarriqueña.

Fede Valverde, en Paraguai

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o novo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

Os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores del Chaco de Asunción, a capital do país.

O pasado xoves 31 de agosto, a selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo. Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo, no que tería sido o seu debut coa absoluta.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica con 24 puntos. Os catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.

Andone e Pantilimon caen en Montenegro

Onte luns 4 de setembro, Romanía, con Andone no once inicial e a meta Pantilimon no banco, caeu (1-0) en Montenegro, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O dianteiro deportivista foi substituído no minuto 64 por Alexandru Baluta.

Os romaneses son cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 9 puntos, a 7 de distancia da segunda praza e con só 2 partidos por xogar, co cal perderon todas as súas opcións de estar o verán próximo en Rusia.

Florin Andone foi titular o pasado venres 1 de setembro no partido que Romanía disputou ante Armenia no National Arena da capital Bucarest, e que se saldou con triunfo in extremis dos romaneses (1-0), cun gol de Alexandru Maxim no minuto 90.

O dianteiro deportivista xogou o partido completo e dispuxo dalgunha boa ocasión para marcar. Pantilimon, fichado ese mesmo día polo Dépor, foi suplente.

Tytoń, fóra da lista fronte a Kazajistán

Polonia, co porteiro deportivista Przemysław Tytoń fóra da convocatoria, impúxose (3-0) onte luns 4 de setembro a Kazajistán no Estadio Nacional de Varsovia, en choque clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 19 puntos, con 3 de vantaxe sobre Montenegro e Dinamarca, empatados a 16 puntos.

Tytoń tampouco foi convocado para o Dinamarca-Polonia do pasado venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague. Gañaron os daneses con claridade (4-0).

Fabian Schär foi titular en Riga e adestrouse hoxe en Abegondo

O pasado domingo 3 de setembro, Suíza, con Fabian Schär no once inicial, impúxose (0-3) a Letonia, pechacancelas do grupo 2 de clasificación para o Mundial.

O defensor branquiazul xogou enteiro o partido e hoxe martes xa se adestrou co Dépor en Abegondo.

Os suízos, con 24 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 21 puntos.

O central deportivista tamén foi titular o pasado xoves no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

Schär xogou o noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.