RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Presentado o Dépor Innovation Center

O auditorio do edificio de ABANCA SEGUROS na Mariña da Coruña acolleu esta mañá a presentación do Dépor Innovation Center, proxecto desenvolvido nos últimos meses desde a Fundación RC Deportivo.

O presidente da Fundación e do propio RC Deportivo, Antonio Couceiro, e a concelleira de deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, foron os encargados de dar a benvida ás case 100 persoas que, en representación de 40 institucións e empresas, déronse cita no evento ao longo da mañá.

O acto comezou coa presentación dos obxectivos e programas sobre os que está a traballar o Dépor Innovation Center da man do seu responsable, Nacho Lourido, director de tecnoloxía analítica e deportiva do RC Deportivo, antes de avanzar o seis proxectos cos que se puxo en marcha hai uns meses. Os responsables deses proxectos cos que está a traballar o Dépor Innovation Center foron os encargados de mostrar a evolución dos seus traballos: InstaScout (Antonio Floro), Yoomedoo (Marco Gómez), Scout Analyst (Jesús Lagos), Soccer System (Gregori Ortanobas) e Debullar (Borja Pérez), os catro primeiros enfocados á parcela deportiva e o último á experiencia da afección.

Após a análise deses proxectos baixo o paraugas do Dépor Innovation Center, a xornada continuou con dous debates moderados polos responsables de Hubin, Diego Laso e Lalo García, respectivamente. O primeiro ao redor da "Dixitalización do fútbol formativo" coa participación de Nacho González (RC Deportivo), Marian Mouriño (GS360), Antonio Floro (InstatScout), Amancio Varela (RFGF) e Nacho Lourido (Dépor Innovation Center). Antes do peche por parte do director xeral do RC Deportivo, David Villasuso; Carlos Cantó (RC Deportivo), Carlos Cao (RC Celta), Massimo Benassi (RC Deportivo) e Gregori Ortanobas (Soccer System) debateron sobre a materialización de proxectos baixo o epígrafe "“...da ideación á implementación”.

Con esta xornada o Dépor Innovation Center xa é unha realidade pública dentro da estrutura de traballo da Fundación RC Deportivo: https://www.rcdeportivo.es/rcdeportivo/fundacion/depor-innovation-center, nun proxecto que busca non só a sustentabilidade económica senón converterse a medio prazo nunha nova unidade de negocio do RC Deportivo, ademais de dar servizo e soporte a todos os equipos de fútbol formativo, profesional e a afección do Club. En palabras do presidente Antonio Couceiro durante a presentación: “mellorar o rendemento no terreo de xogo, a prevención de lesións, acurtar os tempos recuperación, mellorar as experiencias dos afeccionados, efectuar un mellor aproveitamento das instalacións do Club e ampliar a divulgación audiovisual”.