O Dépor ABANCA pon o punto e final ao ano 2025 cun dobre enfrontamento ante a Real Sociedad.
O primeiro deles será en Liga F este domingo 14 de decembro ás 12:00 (Dazn, GOL, TEN, EITB e TVG) en Zubieta, en partido correspondente á 14ª xornada.
Fran Alonso apuntou en rolda de prensa que "imos partido a partido. O único que nos importa é este en Zubieta. Estamos con moitas ganas".
Advirte que "necesitamos moito nivel de concentración por tanto é o único no que nos centramos. Logo xa virá o seguinte partido, que ademais é en ABANCA-RIAZOR (o domingo 21 ás 12:00 en Copa de la Reina), onde os números son moi bos".
Insiste o técnico deportivista que "na nosa mente só está o partido de Zubieta. O ano pasado tivemos unha moi boa experiencia (1-2) e encantaríanos repetila. Para iso temos que estar a un nivel espectacular de concentración, calidade e ideas claras".
Co triunfo da pasada fin de semana ante o Granada CF en ABANCA-RIAZOR, As Nosas suman 13 puntos na 13ª posición, os mesmos que a SD Eibar (12º), Granada CF (11º) e RCD Espanyol (10º).
Son baixa por lesión de Paula Monteagudo, Espe Pizarro e Henar Muiña.
O técnico deportivista subliña que "o equipo está moi ben. Algunhas veces os resultados non acababan de chegar pero aquí dentro, nos adestramentos, estabamos moi contentos do traballo que estabamos a facer, coas xogadoras moi enchufadas".
Pola súa banda, a Real Sociedad, que a pasada fin de semana caeu (1-0) co Real Madrid CF, é 3ª na táboa con 27 puntos.
No seu campo esta campaña as realistas venceron ao Sevilla FC (3-0), Levante UD (2-1), FC Barcelona (1-0) e Alhama CF (3-1); empataron co Athletic Club (1-1); e caeron co UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (1-2).
O seu técnico, Arturo Ruiz, tamén pensa que o de Copa "será outro partido. É outra competición que nos ilusiona e ímolo a tomar como un partido máis".
Do Dépor ABANCA cre que "vén no mellor momento de forma da temporada. Conseguiron 3 vitorias nos últimos 5 partidos e somos conscientes de como vén, das súas fortalezas, das súas xogadoras destacadas".
As Nosas adestráronse este sábado 13 de decembro no Dépor Training Center e, ao concluír, partiron de viaxe en autocar a San Sebastián, con esta folla de ruta:
Sábado 13 de decembro
10:00: Adestramento no Dépor Training Center (campo 6)
12:00: Saída en autocar a San Sebastián
19:30 (hora aproximada): Chegada ao Hotel 3 Reyes en San Sebastián
Domingo 14 de decembro
12:00: Real Sociedad - Deportivo ABANCA, en Zubieta
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
As Nosas adestraranse de novo o luns 15 de decembro ás 11:15 no Dépor Training Center.
