RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quiles dispara ao Dépor con outro gol sobre a bucina (0-1)

O Deportivo apontoou o seu liderado cunha nova vitoria sobre a bucina na súa visita ao Zamora CF, ao que derrotou como o pasado domingo ao DUX Internacional de Madrid grazas a un gol no minuto 90, nesta ocasión obra de Alberto Quiles.

Borja Jiménez, técnico deportivista, optou por rotar o equipo ante o segundo dos tres partidos en sete días, cambiando a cinco titulares o pasado domingo en Villaviciosa de Odón fronte ao DUX Internacional de Madrid. Víctor García, Pablo Trigueros e Héctor Hernández deixaron o seu sitio na defensa a Trilli, Jaime e Diego Aguirre, mentres que na zona ofensiva Diego Villares e Miku saíron do once en favor de William de Camargo e Alberto Quiles.

O Dépor saltou ao céspede do Ruta de la Plata cunha presión alta que afogou ao Zamora CF desde o principio. Cunha primeira liña de catro homes, con Noel e Mario Soriano polo centro, William na banda esquerda e Quiles na dereita, os branquiazuis pecharon todas as saídas ao conxunto castelán, ao que roubaron infinidade de balóns no seu campo. Con todo, aínda que forzaron varios córneres e faltas colgadas á área, os deportivistas non provocaron ningunha situación clara de perigo.

Superado o primeiro cuarto de hora, o Zamora CF empezou a cruzar a divisoria e foi o primeiro equipo en disparar a porta. Fíxoo en varias ocasións consecutivas, de lonxe e enviando a pelota moi lonxe da portería defendida por Ian Mackay. Primeiro foi Dani Hernández, en dúas ocasións, nos minutos 17 e 18. Despois Luque, no 20.

No minuto 21 chegou a primeira acción clara para o Dépor. William gañou liña de fondo e o seu centrou rozouno Jon Villanueva impedindo que Quiles chegase ao remate. Uns segundos despois, o extremo brasileiro tentou repetir a xogada do 2-3 en Villaviciosa de Odón. Jon Villanueva evitou que acabase do mesmo xeito que o pasado domingo, desviando o coiro a córner nunha gran intervención. Nese saque de esquina, o balón caeu a Jaime no segundo pau. O central, só dentro da área pequena, recortou a un defensa pero o seu disparo rexeitouno outro xogador zamorano.

No minuto 26, Aguirre e Jon Villanueva protagonizaron unha acción similar á do minuto 21. Dous despois, Luque tentouno con outro disparo afastado, este por baixo. O bote previo dificultou a intervención de Mackay, que atrapou o esférico en dous tempos. Recentemente superada a media hora, Álex Bergantiños enganchou un zapatazo desde 25 metros que se foi rozando o traveseiro.

Unha cesión de Xisco Campos fortísima desviouna Jon Villanueva co seu pé dereito a córner, porque o balón ía directo cara á súa propia portería. Corría o minuto 34. Nese mesmo saque de esquina, Quiles rematou coa esquerda após peitear Mario Soriano no primeiro pau. O zurdazo do dianteiro andaluz estrelouse no poste dereito da meta castelá.

Tralo descanso, William volveu tentar a xogada do gol da vitoria ante o DUX, no minuto 49, índose o seu disparo excesivamente cruzado. O Zamora CF volveu probar sorte desde a media distancia nun dereitazo de Baselga que se foi ás nubes. Un minuto máis tarde, o equipo castelán gozou da súa mellor oportunidade. Mackay desbaratouna saíndo a pés de Adri Herrera nun balón solto na área após despexe de Aguirre.

Á hora de xogo, Quiles probou fortuna desde a esquina dereita da área buscando o recanto contrario. O seu disparo marchouse á dereita da portería local. A rápida resposta do Zamora CF correu a cargo de Jon Rojo, con outro disparo desde a frontal da área que se perdeu por riba do traveseiro.

Foron os peores momentos do Dépor, que perdeu a pelota e o control do xogo, aínda que tampouco concedeu máis ocasións. Para recuperar o dominio, Borja Jiménez retirou do campo a William para dar entrada a Josep Calavera a un cuarto de hora da conclusión. Co mediocentro catalán no terreo de xogo, o equipo volveu ao 4-3-3, con Soriano e Doncel nos extremos e Quiles como '9'.

O cambio deu resultado, pois os branquiazuis recuperaron a pelota e trataron de manter a tranquilidade e a paciencia para crear algunha acción clara de gol. Doncel, no minuto 79, disparou ás nubes desde 25 metros despois dunha larguísima posesión. Un minuto despois, o propio Doncel tentou unha vaselina após quedarlle botando un despexe dun defensa local a pase da morte de Trilli. O balón foise alto.

Juergen culminou outra longa posesión, no minuto 83, cun lanzamento desde a media lúa por riba do traveseiro. O Dépor esmagaba e non permitía un só contragolpe á formación zamorana. Os branquiazuis esperaron o seu momento e atopárono cando se cumpría o minuto 90. Jaime meteu un pase en profundidade para Juergen Elitim, o colombiano gañou a carreira ao seu par e picou o coiro sobre a saída aos seus pés de Jon Villanueva para que Quiles, chegando desde atrás, só tivese que empuxalo ao fondo das mallas para igualar de novo no 'pichichi' branquiazul, con 9 goles, con Miku. A celebración do tanto, na esquina na que se atopaban os afeccionados deportivistas, viuse ensombrecida pola caída de varias decenas deles ao ceder o valo da primeira fila da bancada.

Pouco máis sucedeu até o asubío final dun partido que se pechou cunha nova vitoria coruñesa, a décimo cuarta en 20 partidos, sétima en 11 encontros fóra de casa e quinta consecutiva. O Dépor segue no máis alto da táboa con 46 puntos, mantendo os seis de vantaxe sobre o seu principal perseguidor e próximo rival, este domingo 30 ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR, o Real Racing Club de Santander, que hoxe tamén derrotou Racing Club de Ferrol.

Zamora CF: Jon Villanueva, Jordán (Parra, min. 84), Xisco Campos, Cordero, Jon Rojo, Luque, Dani Hernández, Kepa Vieites (Javi Navas, min. 67), Jorge Fernández (Losada, min. 90+2), Baselga (Carlos Ramos, min. 67) e Adri Herrera.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Jaime, Aguirre, Álex Bergantiños, Juergen Elitim, Quiles, Mario Soriano, Noel (Doncel, min. 56) e William (Josep Calavera, min. 75).

Gol: 0-1 Quiles (min. 90).

Árbitro: Recio Moreno (c. navarro). Cartón amarelo a Jorge Fernández (min. 14) e Luque (min. 64).

Incidencias: partido da 20ª xornada do grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio Ruta de la Plata con presenza duns 500 afeccionados deportivistas.