Quinta praza para o Deportivo no ranking español de xogadores internacionais en 2017
O Deportivo foi o quinto equipo español con maior participación no fútbol de seleccións nacionais absolutas durante 2017, segundo o estudo publicado por CIES Football Observatory, no que se analiza a procedencia dos xogadores que participan en todos os partidos disputados ao longo do ano natural entre combinados nacionais recoñecidos pola FIFA.
Unha vez pechado o calendario de encontros internacionais de seleccións nacionais por este ano, CIES Football Observatory publicou a lista dos 100 clubs máis influentes no fútbol de seleccións a nivel mundial. O Deportivo atópase na 85ª posición e, o máis destacable, no 5º posto entre os clubs españois. Aos branquiazuis só supéranlles Barcelona (1º), Real Madrid (7º), Atlético de Madrid (19º) e Sevilla (60º). O Betis (93º) é o sexto e último equipo español no Top-100.
Segundo o estudo, o Deportivo proporcionou un total de 8 internacionais absolutos a diferentes equipos nacionais. Celso Borges (Costa Rica), Fabian Schär (Suíza), Florin Andone e Costel Pantilimon (Romanía), Fede Valverde (Uruguai), Emre Çolak (Turquía), Gaël Kakuta (República Democrática do Congo) e Fayçal Fajr (Marrocos) disputaron algún encontro coas súas seleccións nacionais ao longo de 2017 sendo xogadores do RC Deportivo.
Todos eles participaron en 42 encontros, para un total de 3.085 minutos disputados. A cifra podería aumentar lixeiramente en caso de engadir as participacións de Ismael Díaz (Panamá) e Francis Uzoho (Nixeria), considerados polo estudo xogadores do Fabril.