RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rafa de Vicente ponlle "un notable alto ou sobresaliente" ao Dépor no que vai de liga

Rafa de Vicente foi o protagonista hoxe martes na sala de prensa de Abegondo.

Nesta primeira parte da liga, e a dous partidos para concluír a primeira volta, o centrocampista andaluz ponlle ao Deportivo "un notable alto ou sobresaliente. O equipo está a facer as cousas moi ben, está primeiro na clasificación, que é o noso obxectivo. Todo o que estivo facendo en todo momento foi para estar onde estamos. Evidentemente viñeron momentos peores e seguramente tamén durante esta segunda volta haberá momentos nos que non consigamos todas as vitorias que queiramos; pero a continuidade, a disciplina que está a ter o grupo no traballo e esa ambición é para darlle un notable alto ou sobresaliente, sen dúbida".

A nivel persoal asegura estar "bastante contento. Dentro de todo o que puiden achegar ao equipo, pois tanto cando me tocou saír do banco como cando puiden saír desde inicio, as miñas sensacións a nivel persoal son bastante boas. Como todo xogador querería xogalo todo. Todos os futbolistas queremos xogar todos os minutos posibles e a partir de aí é o míster o que decide e nós tratamos de adaptarnos".

A nivel colectivo destaca do último partido en León "esas sensacións de ser capaces de acabar sacando tres puntos alí, que eran moi difíciles; as formas en que o fixemos e con esa sensación de piña que hai no vestiario. Polos puntos que sacamos, por como estamos na clasificación e polo que hai no vestiario, hai que estar moi contentos".

Preguntado polos casos de COVID-19 que estes días afectan á sociedade e por suposto ao fútbol, comenta que "é un tema bastante complicado porque son temas que afectan á saúde e xa estamos a ver que hai moitísimos casos non só todo o que está a haber en España, senón os que está a haber no fútbol profesional. É un tema delicado que temos que tentar levar o mellor posible e co máximo coidado. Xa se encarga o corpo médico de estar pendente diso. Nós dentro do que podemos, tentar ter todas as precaucións posibles. É difícil porque por moitas precaucións que teñas está a verse que aínda así é complicado".

Cualifica de "atípico" o mes de xaneiro que se aveciña, con parón ligueiro na metade (fin de semana do 15 e 16 de xaneiro), e acumulación de partidos nos días 23, 26 e 30: "Un mes un pouco raro pero vai ser raro para todos. Esa condensación de partidos aí nun tramo e despois outra fin de semana que non temos partido. Haberá que adaptarse e tentar ir compensando as cargas, pero iso é traballo do corpo técnico, que xa se está vendo que o está facendo moi ben, así que nós nese aspecto non estamos preocupados".

Finalmente, asegura que no vestiario de ABANCA-RIAZOR fálase pouco da apertura do mercado de inverno: "Estamos centrados no día a día. Suficiente temos xa moitas veces con todo o que temos fóra do COVID e o noso traballo como para andar tamén pensando niso. Son aspectos de Club e todo o que fan fano polo ben do Club, así que as decisións que tomen serán as máis acertadas. Isto é unha cuestión de fútbol e todos sabemos como funciona isto".