RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Rafa Obrador cre que "até o final non vai haber nada decidido, así que temos que apertar para sumar puntos"

Rafa Obrador manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que LaLiga Hypermotion "está moi igualada. Até o final non vai haber nada decidido, así que temos que apertar para sumar puntos".

Por conseguinte, pide o equipo "estar preparado para todas as situacións porque ganas 2 partidos e métesche arriba; perdes 2 e pódesche meter abaixo. O equipo trata de non afundirse en malos resultados nin tampouco vir arriba cando as cousas van ben. Enfocámonos no día a día, traballar cada partido para que vaia o mellor posible".

Valorou positivamente o punto logrado o pasado venres ante o Córdoba CF en ABANCA-RIAZOR: "É importante puntuar. Coa segunda parte que fixemos se cadra merecemos un pouquiño máis pero é importante puntuar".

Do CD Castellón, rival este luns 17 de marzo ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion), sostén que "é un equipo moi atrevido. Vai ser un campo complicado. Na clasificación estamos moi parellos así que vai ser un partido moi igualado".

Máis que de obxectivos a longo prazo, Obrador subliña que "o que nos importa é o día a día, traballar e dalo todo cada partido".

A nivel persoal, afirma o lateral deportivista que "tiven un proceso de adaptación tanto ao Club como á categoría porque é o meu primeiro ano no fútbol profesional. Fisicamente ao principio custoume arrincar. Logo, segundo ía adestrando ía atopándome mellor. Tácticamente tanto Imanol como Óscar fóronme axudando e mellorando. Agora mesmo síntome nun bo momento. Estou contento de poder axudar ao equipo agora que tiven minutos e con ganas sempre no rol que me toque".

Ademais, desvela que está a traballar "para atoparme mellor fisicamente. Tamén co doutor, que me está axudando coa alimentación para que non me pase o que me pasou en Elda (obrigado a pedir o cambio por un golpe de calor), que me preocupou bastante. Estou a cambiar cousas para que non me volva a pasar e aguantar mellor os partidos".

En canto ao seu futuro, o futbolista branquiazul só quere pensar "na liga, no Deportivo; porque outras cousas na miña cabeza non me achegan nada no que é a semana, o adestramento e os partidos. Quero estar 100% concentrado na liga".

Iso si, deixou claro Rafa Obrador que no Dépor "estou moi contento, gústame moito a cidade, a xente, o ambiente dos partidos, #ANOSAFORZA... Estou moi contento e encantaríame vivir aquí máis tempo".