Raquel García e Marina Artero fixeron as delicias de ANOSAFORZA en Marineda City
As futbolistas do Dépor ABANCA Raquel García e Marina Artero visitaron Marineda City esta semana con motivo dun encontro con afeccionados e afeccionadas.
As Nosas puxéronse a disposición de #ANOSAFORZA no corredor de deportes do centro comercial, na zona de videomarcador fronte á Déportienda. Os clientes de Marineda City puideron coñecer en primeira persoa á centrocampista e á defensa, fotografarse con elas e pedirlles autógrafos.
Previamente ao encontro coa afección houbo un meet&greet das futbolistas coas nenas gañadoras do sorteo que puxo en marcha nas súas redes sociais o centro comercial.
Neste acto, as 11 afortunadas charlaron coas xogadoras e preguntáronlles curiosidades sobre a súa carreira como deportistas profesionais, ademais de facerse fotos.
Esta iniciativa, destinada a dar visibilidade ao fútbol feminino e contribuír ao fomento das vocacións, enmárcase na acción 'Marineda Experience x Dépor ABANCA', na que as 11 nenas gañadoras do sorteo, ademais de gozar do encontro coas xogadoras, asistirán a un adestramento para coñecer as dinámicas que desenvolve un equipo de Primera División, disporán de entradas para o que queda de temporada e terán unha camiseta asinada.
O pasado 15 de decembro, Marineda City e o RC Deportivo uníronse con motivo do partido contra o Real Madrid CF. No trascurso do mesmo proxectouse nas pantallas de ABANCA-RIAZOR 'El otro marcador' para reflectir a realidade do fútbol feminino en datos.
E ao comezo do encontro, 6 xogadoras saltaron ao campo con camisetas que lucían a cifra de mulleres e nenas federadas no fútbol feminino.