RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Raúl Carnero, novo xogador do Dépor 22-23

Raúl García Carnero (A Coruña, 30 de abril de 1989) é novo xogador do RC Deportivo, cedido por unha temporada polo Real Valladolid.

O lateral esquerdo coruñés volve deste xeito á que foi a súa casa durante 11 anos, entre os 12 e os 23, tempo no que pasou por practicamente todas as categorías inferiores e chegou a debutar oficialmente co primeiro equipo.

Despois de iniciarse no fútbol nas filas do Victoria CF, Raúl fichou polo Deportivo sendo alevín, en 2001. A partir de entón escalou por todas as categorías inferiores até chegar ao Fabril, previa cesión ao Montañeros CF (2008-2009). No filial deportivista xogou dúas temporadas (2009-2010 e 2010-2011) nas que acumulou 31 partidos en Segunda B, 26 en Terceira (1 gol) e 2 en playoff de ascenso a Segunda B, o que totaliza 59 encontros e 1 tanto.

No primeiro dos seus dous cursos co filial estreouse co primeiro equipo, da man de Miguel Ángel Lotina. Raúl debutou, substituíndo a Sergio, o 4 de abril de 2010 fronte ao Atlético de Madrid (3-0) no Vicente Calderón e xogou outros 4 encontros, todos como titular. Son, a día de hoxe, os seus únicos 5 choques oficiais co Dépor.

Trala súa segunda campaña fabrilista, foi cedido ao UD Melilla, co que xogou 28 partidos en Segunda B. Ao finalizar a mesma, non ampliou a súa vinculación co Deportivo e asinou co UD Almería, co que alternou actuacións no equipo B (Segunda B) e o primeiro (Segunda), ao que axudou a subir a Primeira.

Ao ano seguinte, foi cedido ao Alavés no mercado de inverno. Ao final de curso, rescindiu contrato co club andaluz para asinar definitivamente polo conxunto vitoriano. En Mendizorroza xogou tres campañas completas e sumou outro ascenso á división de honra.

Raúl fichou no verán de 2017 polo CD Leganés, no que militou temporada e media, antes de poñer rumbo ao Girona FC no mercado de inverno do curso 2018-2019. Á conclusión da temporada, o defensa coruñés incorporouse ao Getafe CF, desde onde a metade de campaña foise cedido a un Real Valladolid ao que foi traspasado definitivamente ao final do curso 2019-2020.

Agora, após dúas campañas e media no equipo valisoletano, co vén de lograr o terceiro ascenso a Primeira da súa carreira, regresa ao Dépor unha década despois de abandonalo.

Raúl xogou 86 partidos en Primeira División, 108 en Segunda División, 79 en Segunda B e 4 co Getafe CF na Europa League, ademais de 26 encontros en Copa do Rei. Neses 303 partidos profesionais marcou 10 goles: 1 en Primeira, 8 en Segunda e 1 en Segunda B.