RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Raúl Carnero: "Perdes e o que manda é o resultado pero houbo cousas moi positivas que antes non se estaban vendo"

Raúl Carnero admitiu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "sempre que vés dunha derrota a semana é peor, pero hai que seguir traballando".

Confesa que esta "son desas semanas que queres que o seguinte partido chegue canto antes. Xogamos o sábado (19:00 horas, ABANCA-RIAZOR ante o UD San Sebastián de los Reyes), quedan poucos días. Vexo ao equipo forte, con ganas de xogar xa, de que volvamos xogar en #ANOSACASA e que debemos volver gañar".

O lateral deportivista entende o malestar de #ANOSAFORZA porque "a xente o que quere son resultados, saír xa desta categoría, estar o máis arriba posible... Desde dentro analizamos moitas máis cousas. Perdes e o que manda é o resultado pero houbo cousas moi positivas que antes non se estaban vendo e que aquí se analizan moito. Esas son as cousas que temos que seguir potenciando e seguir traballando para que o partido que temos o sábado saian a relucir e evitar esas cousas negativas que fixeron que o outro día perdésemos".

Entre os aspectos positivos, recalca "unha mentalidade que se conseguiu cambiar. Antes parecíanos que cando perdiamos o balón facíannos moitísimo dano, estabamos moi mal situados. Agora o equipo, ante perdas de balón, está moito máis equilibrado, moito mellor situado para non sufrir eses contraataques. O outro día na segunda parte estás cun menos, hai accións nas que che acaban collendo porque vas perdendo e eles eran xogadores de calidade que che podían facer dano, pero aínda así cun menos tivemos opcións de empatar o partido, estivemos aí. O equipo está practicamente gran parte do partido moi ben situado cando antes, nós mesmos os laterais, estabamos os dous moi subidos e cando perdiamos balóns practicamente non podiamos axudar en labores defensivos porque nos collía descolgados e por detrás da pelota. Agora iso mantémolo moi equilibrado, tanto nós como noutras posicións do campo. E logo a nivel de mentalidade hai un cambio importante após perdas de balón, de querer recuperar a pelota, de que queremos ser os donos da pelota".

Subliña que no vestiario "a sensación é que facemos moitas cousas ben, está a traballarse moi ben, temos que seguir mellorando e potenciando todo iso pero o que mandan son os resultados, somos conscientes diso. Queremos estar o máis arriba posible e gañar todos os partidos. Isto é fútbol, é imposible gañalos todos. O que facemos é adestrar o máximo posible para que o sábado esas opcións de gañar sexan as maiores".

Explica que coa chegada de Óscar Cano, "o traballo dos laterais é un pouquiño diferente. Anteriormente pedíanos que estivésemos moi montados, practicamente xa na última liña deles para deixar ese espazo a homes que viñan desde atrás, tanto mediocentros como o central que puidese conducir, como os que aparecesen, algún interior e deixarlles ese espazo. Agora o que quere este míster é máis esa chegada desde atrás, é dicir, que non esteamos tan incorporados, senón que sorprendamos, que cheguemos, que acheguemos un pouquiño máis ese xogo desde atrás, esa saída de balón e que moitas veces sexamos nós os que podamos propiciar ese pase á seguinte liña, non que esteamos nós na seguinte liña; ou que coa propia xogada cheguemos desde atrás para xa gañar liña de fondo".

Preguntado polo UD Sanse, Raúl indica que "cando vés de perder céntrasche máis nos erros que cometiches para que non volva pasar. Hoxe e mañá comezaremos a ver o rival. Estamos a ver que sexa o que sexa, todos son duros e complicados".

Co equipo 7º na táboa, o futbolista coruñés lembra que o partido do sábado "son 3 puntos. A importancia é como calquera partido. Hai que sumar de 3 en 3 se queres cumprir o obxectivo, se queres estar aí arriba e a importancia é máxima, é o partido que vén agora, é o partido máis importante que temos. Temos que ter esa mentalidade de importancia ao que vén agora".

A nivel individual, apunta que "o nivel persoal vai unido un pouco ao nivel do equipo. Houbo partidos nos que me atopei mellor, outros nos que me atopei peor. Fisicamente atópome ben, aínda non cheguei ao meu máximo nivel, aínda me queda moito por mellorar e traballo niso, pero atópome ben, con ganas de seguir traballando, con ganas de seguir achegando ao equipo. Sei que teño esa marxe de mellora que fará que cando aumente ese nivel individual axudará tamén ao equipo. Estou con ganas de seguir traballando para conseguir ese obxectivo que todos queremos".