RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

RC Celta e UD Mos, campións do XVII Torneo RC Deportivo

O RC Celta Benxamín e o UD Mos Prebenxamín proclamáronse campións do XVII Torneo RC Deportivo, que se disputou na Cidade Deportiva de Abegondo ao longo deste mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas.

O RC Celta superou no partido definitivo ao RC Deportivo pola mínima (0-1). Os semifinalistas foron Deportivo B, que tamén caeu ante os celestes, e Ural CF, que sucumbiu fronte ao A deportivista. O conxunto vigués sumou o seu segundo éxito no Torneo RC Deportivo tralo logrado en 2018. O palmarés en categoría Benxamín domínao o RC Deportivo con 5 triunfos: 2013, 1014, 2016, 2017 e 2019.

Minutos antes, UD Mos e ED Val Miñor Nigrán protagonizaron unha igualada final Prebenxamín, resolta na quenda de penaltis a favor dos primeiros (2-1) despois do 1-1 co que concluíu o partido e a prórroga. En semifinais apearan a Atlético Arteixo e Betanzos CF. O conxunto mosense é o sexto campión distinto en seis edicións do torneo en categoría Prebenxamín.

O XVII Torneo Real Club Deportivo, que volveu celebrarse trala interrupción entre os anos 2020 e 2022 pola pandemia mundial de Covid-19, congregou a 180 equipos (76 prebenxamíns e 104 benjamines) pertencentes a 73 clubs de toda Galicia, co que participaron no mesmo ao redor de 3.000 rapaces.

Os partidos arrancaron ás 09:00 horas e estendéronse durante máis de 12 horas, até as 21:45, hora á que concluíu a final Benxamín. Os terreos de herba natural da cidade deportiva dividíronse en 16 campos.

Polas instalacións do RC Deportivo pasaron máis de 10.000 persoas, que ademais de gozar dunha inesquecible xornada de fútbol tiveron á súa disposición unha ampla área de recreo e restauración, que ocupou boa parte do terreo de xogo de herba artificial, coa presenza de patrocinadores do Torneo e do Club, como Gadis, Cabreiroá, ABANCA, DéporTienda, Quirón Salud, Sanbrandan, DIGI, Integralmotion, Yoomedoo ou OWQLO.

Aproveitando a disputa do XVII Torneo RC Deportivo, a Cidade Deportiva de Abegondo acolleu un partido Genuine, e non un partido calquera, senón O Noso Derbi Genuine entre Dépor e Fundación Celta Integra. Foi como aperitivo das finais de ambas as categorías. O Dépor Genuine impúxose por 2-0, ao vencer os dous primeiros períodos (por 2-1 e 2-0) e empatar o terceiro (1-1). Un Dépor Genuine que esta temporada conta co patrocinio de Vales e Asociados, Duacode e Fundación San Rafael.