RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

RC Deportivo e Grupo Wakatake alíanse por terceiro curso consecutivo para impulsar o fútbol base xaponés

O acordo de colaboración internacional entre o RC Deportivo e Wakatake Group continúa por terceiro curso consecutivo coa incorporación de cinco rapaces xaponeses á dinámica de adestramento e estudos de #ANOSACANTEIRA.

A colaboración, cuxo obxectivo é potenciar o desenvolvemento de novos futbolistas xaponeses, utilizando como referencia a metodoloxía da canteira do Dépor, está a ser unha experiencia para Towa Suzuki (2007), que comeza o seu segundo curso consecutivo. Xunto a el están a estudar na Coruña, vivindo na Residencia do Club, adestrando e competindo Masaya Akahoshi (2009), Atsuki Iida (2009), On Sekiguchi (2010) e Joji Ueda (2010).

Os cinco futbolistas, que vivirán esta experiencia até o próximo mes de xuño, teñen a oportunidade de coñecer de primeira man a metodoloxía da canteira en Abegondo, combinando adestramentos individuais con adestramentos colectivos cos xogadores do Club durante todo o curso. Unha experiencia inmersiva que vai máis aló do fútbol, xa que tamén lles permite aprender o idioma, a cultura galega e sentirse parte dun equipo cunha historia, tradición e afección tan grandes como as do RC Deportivo.

Wakatake Group é unha empresa xaponesa coa misión de contribuír ao desenvolvemento dos rapaces futbolistas na súa transición de nenos a adultos. Wakatake Group leva máis de 15 anos traballando en multitude de programas de desenvolvemento do fútbol xuvenil, con presenza en Europa, África, Asia e América. Estas experiencias internacionais contribúen ao crecemento do xogador e da persoa, tanto dentro como fóra do terreo de xogo. Wakatake Group traballa seguindo unha fórmula probada: experiencias internacionais, educación holística e responsabilidade social. Máis de 1.000 rapaces participan nos programas que ofrece Wakatake Group: torneos internacionais, experiencias de alto rendemento con academias de clubs profesionais, programas residenciais individuais, programas de cooperación internacional, formación de adestradores e moitos máis.