RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

Resultados da fin de semana en ANOSACANTEIRA, con valioso triunfo hoxe do Fabril en Abegondo

#ANOSACANTEIRA viviu unha apaixonante xornada de fin de semana con varios duelos ante rivais directos na zona alta da clasificación.

Hoxe domingo o partido destacado foi o do Fabril (na foto da noticia) en Abegondo ante o Real Avilés Industrial, no arranque da segunda volta no grupo 1º de Segunda Federación.

Os de Óscar Gilsanz chegaban ao partido cos reforzos do mediocentro Álex Alfaro, que xa debutou a pasada fin de semana ante o Real Oviedo Vetusta, e do dianteiro centro Jorge Martínez-Losa, que hoxe gozou dos seus primeiros minutos e tivo opcións de marcar mesmo.

Os 3 puntos quedaron en Abegondo grazas a un gol de Nájera. Con este resultado, o Fabril iguala cos avilesinos na zona media e supéraos co golaverage particular, posto que na ida disputada no Román Suárez Puerta houbo igualada (2-2).

O encontro deixou ademais o debut doutro xuvenil, Manu Ferreiro, no filial de Segunda Federación.

#ANOSACANTEIRA celebra tamén a convocatoria de David Mella e Kevin Sánchez coa selección española sub-19 con motivo dun partido ante Italia este mércores 17.

Ademais o Orzán SD Infantil B Femenino perdeu co Racing de Ferrol (3-0) e o Orzán SD B sub-16 Femenino igualou na Torre (0-0) co UC Cee na Segunda Autonómica.

E no máis alto da Primera Autonómica, nas Eiroas o Orzán SD Xuvenil Femenino, 2º clasificado, non logrou sorprender (2-0) ao Bergantiños CF, líder da categoría.

Onte sábado 13 de xaneiro houbo en Vigo dous derbis ante o RC Celta na División de Honra cadete (3-3) e infantil (0-3). Así pois, en ambos os casos os deportivistas saíron reforzados e mantéñense á fronte da liga.

Os cadetes branquiazuis Rodrigo, Gabri Trigo, Janusz, Nico Ruiz, Pablo García, Íker Fernández e Miguel de Labra están convocados coa selección galega sub-16 para disputar un amigable ante o CD Conxo Santiago de Liga Nacional xuvenil o mércores 17 ás 18:00 no campo de San Mamed en Vedra. 

Así mesmo, Lucas López, Eder, Nico, Nikolay e Sergio Cortizo, do infantil do Dépor, están citados pola selección galega sub-14 para un adestramento o martes 16 no Novo Municipal da Estrada.

No campo coruñés Víctor Fernández Alonso, o Orzán SD Infantil A Femenino, 2º na clasificación do subgrupo 1º da Liga Galega, igualou (1-1) co líder, o Victoria CF. Ambos os equipos manteñen as súas posicións na táboa con este resultado.

A goleadora orzanista, Claudia Sande, está convocada pola selección galega sub-15 para un adestramento o mércores 17 de xaneiro ás 17:00 no campo da Braña, en Rois; ao que acudirán tamén Daniela Macedo e Antía Veiga. 

En canto ao resto da xornada, o Deportivo ABANCA B caeu (2-1) co UD Llanera.

A pesar da derrota, as branquiazuis seguen na 2ª posición de Tercera Federación FutFem após o Real Avilés CF.

Óscar Orro non puido contar con Lucía Rivas, Carmen Carballada e Elena Vázquez, citadas polo primeiro equipo para o partido fronte ao Madrid CFF B.

No filial, Emma Gandoy, Laura Santos, Noelia Mayo, Elena Vázquez, Lucía Rivas, Macarena González e Sara Cercido están convocadas coa selección galega sub-17 para un adestramento o martes 16 de xaneiro ás 17:00 no campo da Braña en Rois.

Así mesmo, en Abegondo o Xuvenil A, após a xesta copeira do pasado domingo ante o Athletic Club, volveu á liga con triunfo ante o Veriña CF A (1-0).

Tamén en casa o San Tirso SD Cadete colleu osíxeno na clasificación (2-1) ante un rival directo, o Rápido de Bouzas; e o Orzán SD Cadete Femenino goleou ao Silva SD (8-0) para manter a primeira praza na Liga Galega.

Nos 'verdes', Mauro e Samba estarán o mércores coa selección galega sub-16 no citado amigable de Vedra ante o CD Conxo Santiago xuvenil.

En Lugo gañou o Xuvenil B (0-1) cun decisivo gol de Rubén faltando 5 minutos e en Salceda de Caselas, ante o Escola Fútbol DSF, houbo derrota pola mínima (1-0) dun San Tirso SD Infantil que estará representado o martes 16 por Antón Vilariño e Hugo Ferreiros no citado adestramento da selección galega sub-14.

Finalmente non competiu esta fin de semana o Benxamín A, cuxo rival no subgrupo 1º de Primera A Coruña de fútbol 8, o FC Grande Obra, retirouse da competición. Iso si, os deportivistas disputaron un partido amigable onte sábado en Abegondo (3-3) ante o Atlético Coruña Montañeros CF de categoría alevín.

Os resultados da fin de semana foron os seguintes:

Categoría feminina
Tercera Federación FutFem, 15ª xornada: UD LLANERA 2 - DEPORTIVO ABANCA B 1 (Laura Otero)

Primera Autonómica, 15ª xornada: BERGANTIÑOS CF 2 - ORZÁN SD XUVENIL FEMENINO 0

Segunda Autonómica, subgrupo 1º, 15ª xornada: ORZÁN SD B SUB-16 FEMENINO 0 - UC CEE 0

Liga Galega, subgrupo 1º, 15ª xornada: ORZÁN SD CADETE FEMENINO 8 (Sofía Milhem -3-, Yanis Citoula, Marta Moreno, Lucía González, Daniela Macedo e Candela Fernández) - SILVA SD 0

Liga Galega, subgrupo 1º, 15ª xornada: VICTORIA CF 1 - ORZÁN SD INFANTIL A FEMENINO 1 (Claudia Sande)
Liga Galega, subgrupo 1º, 15ª xornada: RACING DE FERROL 3 - ORZÁN SD INFANTIL B FEMENINO 0

Segunda Federación
18ª xornada: FABRIL 1 (Nájera) - REAL AVILÉS INDUSTRIAL 0

Categoría xuvenil
División de Honra, 16ª xornada: XUVENIL A 1 (Domínguez) - VERIÑA CF A 0

Liga Nacional, 18ª xornada: CD LUGO B 0 - XUVENIL B 1 (Rubén)

Categoría cadete
División de Honra, 16ª xornada: RC CELTA 3 - CADETE 3 (Xabi Campos, Miguel de Labra e Diego)
División de Honra, 16ª xornada: SAN TIRSO SD CADETE 2 (Gael e un futbolista rival en propia meta) - RÁPIDO DE BOUZAS 1

Categoría infantil
División de Honra, 14ª xornada: RC CELTA 0 - INFANTIL 3 (Sergio Cortizo -2- e Eder)
División de Honra, 14ª xornada: ESCOLA FÚTBOL DSF 1 - SAN TIRSO SD INFANTIL 0

Categoría alevín
Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 1º, 10ª xornada: ALEVÍN A 4 (Martín Gil, Hugo Macedo, Brais Martínez e Jorge Fernández) - ORILLAMAR SD 0
Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 1º, 10ª xornada: URAL ESPAÑOL CF 0 - FABRIL FC ALEVÍN 2 (Alejandro Astray e Thiago López)

Categoría benxamín
Amigable: BENXAMÍN A 3 (Mateo Songo'o, Antón Fernández e Álex Casado) - ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF (alevín) 3

Primera A Coruña de fútbol 8, subgrupo 2º, 10ª xornada: SADA CF 0 - FABRIL FC BENXAMÍN 9 (Martín Coronel -3-, Nico Castro -3-, Leo Galván -2- e Martín Martelo)