A atención da fin de semana en ANOSACANTEIRA está centrada nos partidos do Fabril en Laredo e do Xuvenil A en Abegondo, ambos o domingo 27.
O filial visita ás 12:00 ao equipo cántabro en partido correspondente á 33ª xornada (penúltima) en Segunda Federación.
Os fabrilistas son sétimos, empatados a 48 puntos co sexto (Rayo Cantabria); ambos a 1 punto do UP Langreo, 5º clasificado.
Pola súa banda, o CD Laredo pecha a táboa certificado xa o seu descenso a Tercera Federación.
Manuel Pablo advertiu onte na sala de prensa onte venres que "só nos vale a vitoria".
En Abegondo ás 16:30, e retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo, o Xuvenil A mídese ao Real Oviedo na loita polo título.
A dous partidos para o final, os branquiazuis avantaxan en 1 punto ao RC Celta, que á mesma hora visita ao CD Choco.
O Club activou o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva para o encontro.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 5 euros.
Completa a xornada dominical o partido do Xuvenil B, líder da Liga Nacional, ante o CD Lugo, ás 16:30 na Cheda; o do San Tirso SD Infantil ante o ED Val Miñor Nigrán, ás 12:00 no Monte; e o do Alevín A ante o Betanzos CF, ás 13:00 na Torre.
Antes, hoxe sábado 26 de abril venceu o Cadete en Vigo ao Coruxo FC (1-2) e o Infantil en Santiago ao CD Conxo Santiago (0-2).
Ten descanso ligueiro o San Tirso SD Cadete posto que xa xogou o pasado 15 de abril o seu partido ante o CD Conxo Santiago; o Fabril FC Alevín no Torneo Delegación; e os dous equipos benxamíns, á espera da Fase Intermedia do Campionato Galego.
O vestiario dos 'verdes' está de parabén posto que Raúl Lema foi convocado de novo pola selección española sub-16 para disputar dous amigables ante Escocia na Ciudad del Fútbol o 29 de abril e 1 de maio.
O calendario desta semana en ANOSACANTEIRA abriuno o pasado mércores o Alevín, que derrotou por 3-5 ao CD Calasanz na 7ª xornada no grupo norte do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11.
Con este resultado, os branquiazuis alcanzan o liderado do grupo con 19 puntos por 17 do CD Lugo, 2º clasificado.
O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Segunda Federación
33ª xornada: CD LAREDO - FABRIL, mañá domingo 27 de abril ás 12:00 no campo de San Lorenzo
Categoría xuvenil
División de Honra 29ª xornada: XUVENIL A - REAL OVIEDO, mañá domingo 27 de abril ás 16:30 en Abegondo
Liga Nacional, 29ª xornada: CD LUGO - XUVENIL B, mañá domingo 27 de abril ás 16:30 na Cheda
Categoría cadete
División de Honra, 27ª xornada: CORUXO FC 1 - CADETE 2 (Ander e Elías Trigo)
Categoría infantil
División de Honra, 25ª xornada: CD CONXO SANTIAGO 0 - INFANTIL 2 (Leo Sánchez e Javi Barral)
División de Honra, 25ª xornada: SAN TIRSO SD INFANTIL - ED VAL MIÑOR NIGRÁN, mañá domingo 27 de abril ás 12:00 no Monte
Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, grupo norte, 7ª xornada: CD CALASANZ 3 - ALEVÍN 5 (Alejandro Astray, Xiao Fontao, Hugo Álvarez, Lucas Albor e Sergio Fernández)
Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, grupo norte, 8ª xornada: ALEVÍN - ED LUÍS CALVO SANZ, o martes 29 de abril ás 19:15 en Abegondo (campo de céspede artificial)
Fase polo Título da Primera A Coruña de fútbol 8, 5ª xornada: ALEVÍN A - BETANZOS CF, mañá domingo 27 de abril ás 13:00 na Torre (campo 4)
Categoría benxamín
Amigable: OLÍMPICO DE RUTIS 2 - BENXAMÍN A 4 (David Santiago -2-, Leo Galbán e Pablo Couso)