RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Resultados en #ANOSACANTEIRA hoxe sábado e calendario para mañá domingo

A pandemia cambiou radicalmente o calendario do fútbol formativo. Normalmente, a maior parte de equipos de #ANOSACANTEIRA disputaban torneos amigables en Semana Santa ao longo de toda España e mesmo en Europa. O COVID-19 suspendeu as competicións de fútbol base desde marzo de 2020 até a semana pasada, cando retomou a actividade nun formato exprés con partidos ligueiros mesmo nestes días festivos.

Ese é o caso do Cadete A e Infantil A, con encontros oficiais hoxe Sábado Santo, pertencentes á 3ª xornada, na Cidade Deportiva. En ambos os casos houbo triunfo branquiazul ante Victoria CF (2-0) e Ural CF (3-2), respectivamente.

Ao Cadete B coincídelle xornada de descanso aínda que si xogou o pasado martes en Ribadeo na xornada intersemanal, con descanso esta vez para Cadete A e Infantil A.

Pola súa banda, o Fabril inicia mañá domingo 4 de abril ás 12:00 en Abegondo a segunda parte da temporada. O CD Choco será o primeiro rival na segunda fase por unha das dúas prazas que darán dereito a disputar un playoff final de ascenso á Segunda División RFEF contra os catro equipos do grupo de ascenso que non lograron acabar entre os dous primeiros.

O formato de competición será de liga a dobre volta, no que o filial deportivista non se enfrontará cos outros dous equipos clasificados do seu mesmo subgrupo na primeira fase: Racing Villalbés e Silva SD; e si contra os outros tres do subgrupo B da primeira fase: CD Estradense, CD Choco e Rápido de Bouzas.

Para esta primeira cita, Juan Carlos Valerón citou a todo o seu cadro, incluído Adri Castro; e ademais dos xuvenís Juan Rodríguez, Guille Bueno e Yeremay. Causan baixa por sanción Barba; e por lesión Reinoso, Mosquera e Yuste.

Do mesmo xeito que sucedeu en partidos anteriores, haberá unha representación de #ANOSAFORZA na bancada de Abegondo.

O Club lembra aos afeccionados que deben comprobar se poden viaxar até as instalacións desde os seus lugares de residencia.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19.

Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños. Non haberá servizo de bar nin está permitido introducir e consumir alimentos ao interior da Cidade Deportiva), respectando en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.

Sen partidos de preparación para alevíns e benxamíns pola festividade da Semana Santa, si disputou o Xuvenil A un amigable o pasado mércores en Betanzos ante o conxunto local que milita na Rexional Preferente. Houbo empate (2-2) e minutos de xogo para todo o cadro deportivista.

O equipo de Óscar Gilsanz comezará o 11 de abril en Santander ante o CD Marina Sport a segunda fase por unha praza na Copa de Campións. Neste caso o formato de competición será de liga a unha soa volta contra os cinco primeiros equipos do subgrupo B (Sporting de Gijón, Club Bansander, Atlético Perines, Real Racing Club e o citado CD Marina Sport). O primeiro clasificado e o mellor segundo dos sete grupos xogarán a Copa de Campións.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Terceira División
Grupo playoff de ascenso, 1ª xornada: FABRIL - CD CHOCO, o domingo 4 de abril ás 12:00 en Abegondo

Categoría xuvenil
Amigable (disputado o pasado mércores): BETANZOS CF (Rexional Preferente) 2 - XUVENIL A 2 (Do Carmo e Mella)

Categoría cadete
División de Honra, subgrupo D, 3ª xornada: CADETE A 2 (Marco Baña e Alex Delgado) - VICTORIA CF 0

Liga Galega, subgrupo A norte, 2ª xornada (xogado o pasado martes): SD RIBADEO 0 - CADETE B 5 (José Rey -2-, Marco Baña, David Domínguez e Álex Delgado)

Categoría infantil
Liga Galega, subgrupo B norte, 3ª xornada: INFANTIL A 3 (José Rey e Rubén -2-) - URAL CF 2