RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Reto moi bonito no máis alto da táboa mañá sábado para un Dépor ABANCA, líder, ante o FC Barcelona B, segundo clasificado

O mellor partido que se pode ver agora mesmo na Primera Federación Iberdrola, o que enfronta ao Deportivo ABANCA (líder) co FC Barcelona B (2º clasificado), xogarase mañá sábado ás 18:00 horas no campo 7 da Cidade Deportiva Joan Gamper.

Despois de 20 partidos, As Nosas, co triunfo do pasado sábado ante o Alhama CF (1-0), lideran a táboa con 47 puntos, con 5 puntos de vantaxe sobre o conxunto azulgrana, que non pode ascender de categoría pola súa condición de filial; e con 6 sobre o RCD Espanyol, 3º con 41 puntos.

Despois dunha semana de traballo "con absoluta normalidade porque o partido de seu xa leva alicientes especiais sobre todo a nivel de motivación", segundo asegurou Irene Ferreras en rolda de prensa, a única baixa forzosa é a de Ayaka, lesionada. Paula Novo e a internacional venezolana Michi Apostól (na foto da noticia), que se estrea nunha convocatoria oficial do primeiro equipo, son as representantes de #ANOSACANTEIRA.

A preparadora branquiazul non oculta que "queremos gañar ao Barça. Non fomos capaces nestas dúas temporadas. É un reto moi bonito que nos chega nun moi bo momento que nos permitiría ademais dar un paso adiante moi grande. Son 90 minutos contra o segundo da clasificación e vai estar moi competido, pero imos ir a gañar". 

No partido da primeira volta disputado en Abegondo o pasado 18 de novembro, houbo empate sen goles (0-0).

Pola súa banda, o FC Barcelona B, que a pasada fin de semana venceu a domicilio ao Madrid CFF B (0-2), no seu campo mostra números de aspirante ao título. As azulgranas derrotaron ao Cacereño Femenino (4-1), Deportivo Alavés (2-0), SE AEM (3-0), Madrid CFF B (1-0), CD Alba Fundación Femenino (2-1), Athletic Club B (4-0), CE Europa (2-0) e DUX Logroño (4-0); empataron co Atlético de Madrid B (1-1); e unicamente caeron co CD Fundación Osasuna Femenino (0-1).

O Dépor ABANCA adestrouse esta mañá na Cidade Deportiva antes de viaxar a Barcelona, con esta folla de ruta:

Venres 15 de marzo
11:00: Adestramento en Abegondo
13:10: Comida na Cidade Deportiva
17:00: Saída do avión de Santiago con destino ao Aeroporto Josep Tarradellas - Barcelona
18:45 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto Josep Tarradellas de Barcelona e traslado ao hotel Exe Barcelona Gate

Sábado 16 de marzo
18:00: FC Barcelona B - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva Joan Gamper (campo 7)

Domingo 17 de marzo
7:35: Saída do voo do Aeroporto Josep Tarradellas - Barcelona con destino ao Aeroporto da Coruña
9:20 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto da Coruña e traslado a Abegondo

As Nosas adestraranse de novo o domingo 17 a partir das 11:30 na Cidade Deportiva.