RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rondos e accións a balón parado nunha sesión matinal marcada pola intensa choiva

A choiva foi a protagonista da sesión de adestramento do Deportivo en Abegondo, e acompañou, de maneira copiosa, aos futbolistas branquiazuis no céspede durante toda a mañá.

O cadro, hoxe ademais cos canteiráns Mujaid, Boian, Gandoy e Valín, realizou sobre o céspede da Cidade Deportiva uns rondos e un ensaio de accións a balón parado de cara ao choque deste sábado 14 de decembro no Toralín ante a SD Ponferradina (18:00 horas, #Vamos).

Un exercicio de centros e remates a portería no campo 3 puxo o punto e final ao traballo sobre o céspede.

Como é habitual 2 días antes de cada partido, Luis César rebaixou desta forma a carga física aos seus futbolistas.

A mañá arrincou hoxe na sala de vídeo e continuou no ximnasio, cun circuíto dirixido polo preparador físico Marcos Marcén e o readaptador Fran Molano.

Adestráronse a marxe do grupo David Simón, Borja Valle e Gaku.

Mañá venres 13 de decembro, o Dépor adestrarase ás 16:00 en Abegondo. Ao finalizar, Luis César dará a lista de convocados para o choque en Ponferrada.