RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Sábado grande para o Dépor ABANCA coa visita do Real Madrid CF e a estrea de Fran Alonso en ABANCA-RIAZOR

O Dépor ABANCA prepárase para unha das xornadas marcadas en vermello no calendario da Liga F, a visita do Real Madrid CF a ABANCA-RIAZOR prevista para mañá sábado 14 de decembro ás 16:30 (Dazn).

As Nosas chegan a este choque da 13ª xornada e que será o debut de Fran Alonso ante #ANOSAFORZA situadas na 15ª posición e 1 partido menos, o que disputará ante a Valencia CF Féminas este mércores 18 de decembro ás 20:30 no Estadio Antonio Puchades.

A pesar da dolorosa derrota da pasada fin de semana en Granada, o preparador branquiazul admitiu na sala de prensa que "estamos decepcionadas polo último partido pero adestramos moi ben a semana pasada; e esta semana mesmo mellor".

O técnico deportivista subliña que "puidemos adestrar toda a semana con todo o grupo, que iso é algo moi positivo. Está a darme a oportunidade de coñecer a todas as xogadoras, virtudes que se cadra cando ves ao equipo pola tele non detectas".

E asegura estar "moi contento do traballo, a ilusión e a entrega. Están todas moi enchufadas e temos moitísimas ganas de mellorar a última actuación mañá".

Ante un dos equipos grandes, Fran Alonso alenta a #ANOSAFORZA: "necesitamos ese xogador número 12. Xogando cun de máis seguro que lles facemos máis fronte, así que convido a todos os deportivistas a que veñan. Imos tentar todo o que está nas nosas mans con paixón, con ilusión, con toda a nosa alma para darlles unha alegría e que sentan orgullosos de nós".

Pola súa banda, o Real Madrid CF das ex deportivistas Misa, Athenea e Tere Abelleira, que a pasada fin de semana venceu (4-1) ao Sevilla FC e que vén de gañar ante o Celtic por 0-3 en Glasgow na Champions este mércores, é 2º na Liga F con 25 puntos e 2 partidos menos xogados.

Lonxe do seu campo, as brancas, ás que Fran Alonso considera "favoritas", contan os seus partidos lonxe de Valdebebas por vitorias, xa que gañaron ao RCD Espanyol (0-5), Real Betis Féminas (0-3), UD Costa Adeje Egatesa Tenerife (0-4), Madrid CFF (0-1) e Levante Las Planas FC (1-3).

Finalizado o encontro, As Nosas descansarán o domingo 15 de decembro.