SD Compostela e Fabril, dous equipos que se coñecen en profundidade, cítanse mañá sábado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro
A SD Compostela e o Fabril ven as caras mañá sábado 17 de febreiro ás 17:00 no Estadio Vero Boquete de Santiago, en partido correspondente á 23ª xornada en Segunda Federación.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, advirte que "nos coñecemos en profundidade ambos os equipos. Ese coñecemento indícache que se pode igualar todo moito máis".
Os fabrilistas, co seu triunfo o pasado domingo (4-1) ante o CD Covadonga, marchan en 12ª posición da táboa con 27 puntos, os mesmos que o Marino de Luanco (11º).
Con Martín Ochoa na convocatoria, é baixa por lesión Diego Gómez, na recta final da súa recuperación; e Rubén López, citado co primeiro equipo.
Kevin (na foto da noticia), que o pasado mércores disputou co Xuvenil A (con prórroga incluída) a eliminatoria da Copa del Rey en Mallorca, e Manu Berrocal son os xuvenís na citación. Achega do dianteiro, o preparador fabrilista indicou que "en principio contamos con el, aínda que é certo que hai menos de 48 horas tivo un esforzo importante nese partido de Copa del Rey, co cal hai que ver como está o xogador, o que pode achegar, hai que valoralo porque xogar 105 minutos máis ou menos é un esforzo importante e hai que tamén pensar no xogador tamén".
Pola súa banda, a SD Compostela, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en Ourense, é 6º na táboa con 31 puntos.
Na primeira volta disputada en Abegondo o pasado 8 de outubro houbo empate sen goles (0-0) nun partido igualado. Con empate a ceros acabou tamén o amigable disputado en Abegondo o pasado 26 de agosto entre ambos os conxuntos.
No Estadio Vero Boquete esta temporada, os compostelanistas gañaron á Arandina CF (4-2), Real Valladolid Promesas (4-1), CD Cayón (2-0), Coruxo FC (1-0), Real Oviedo Vetusta (1-0), Rayo Cantabria (3-1) e CD Covadonga (2-0); e perderon co Zamora CF (0-1), Ourense CF (0-1), Racing Villalbés (0-2) e Marino de Luanco (0-2).
Michel Alonso, que substituíu ao ex deportivista Manel Menéndez o 18 de outubro no banco, apuntou en rolda de prensa que as dúas derrotas consecutivas coas que chega o seu equipo ao partido de mañá (a citada en Ourense e en Zamora hai 15 días) "polos rivais que eran puxéronnos no noso sitio. Estamos agora nunha liga diferente, a de meterse en play off, e temos que ser todos conscientes que é polo que temos que pelexar".
Nesta liña, subliña que "canto antes nos deamos conta teremos moito camiño andado. A liga deuse desta maneira, estamos onde estamos e é importante asumilo. Con ese novo obxectivo traballar para conseguilo".
Advirte ante o Fabril que "se non estás ben píntanche a cara porque teñen velocidade, un ritmo alto de xogo, calidade individual... Temos que estar a un nivel de activación en todos os sentidos alto para competir contra este perfil de equipos".