RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Segunda cita consecutiva entre Dépor ABANCA e Real Sociedad para concluír o ano 2025 cun "partido precioso" de Copa

O Dépor ABANCA enfróntase á Real Sociedad nos oitavos de final da Copa de la Reina após o partido de Liga F disputado por ambos os equipos o pasado domingo en Zubieta e que caeu ao lado realista por 3-0.

A eliminatoria, a partido único, celebrarase en ABANCA-RIAZOR este domingo 21 de decembro ás 12:00 horas (TVG).

Curiosamente, ambos os equipos víronse as caras nesta eliminatoria da pasada edición de Copa o 22 de decembro de 2024 no campo Arsenio Iglesias.

Naquela ocasión venceron as vascas por 0-1 nun bo partido das Nosas.

"Metéronnos un gol nunha xogada na que estabamos con 10 por unha lesión. Logo crecemos no partido e acabamos moi ben", subliñou Fran Alonso na rolda de prensa pospartido.

Son baixa para o partido Paula Monteagudo, á que "quedan un par de semanas"; Espe Pizarro, "que xa adestra co grupo"; e Henar Muiña, segundo explicou o técnico deportivista.

Precisamente o preparador branquiazul pide "buscar o equilibrio entre ser competitivas, queremos tentar gañar o partido, pasar de rolda, sabendo da dificultade que ten. Entón é buscar o equilibrio entre ser competitivas, facer un bo partido, corrixir os erros do último partido e saber que temos un cadro amplo, con fame, na que as xogadoras loitan en cada adestramento por un posto".

Admite que o choque ante as realistas "é un bo momento para premiar a xogadoras que non tiveron tantas oportunidades".

Conclúe Fran Alonso que o partido é "precioso, en ABANCA-RIAZOR, onde a todos nos encanta xogar".

Esta temporada, a Real, que ante o Dépor ABANCA estréase na Copa, marcha na 3ª praza de Liga F con 30 puntos, só superado polo FC Barcelona e o Real Madrid CF.

Pola súa banda, o equipo de Fran Alonso eliminou (1-3) na segunda eliminatoria ao Guiniguada Apolinario CD de Las Palmas de Gran Canaria.

Arturo Ruiz, técnico realista, cre que "non é previsible que os dous equipos fagamos o mesmo (que o pasado domingo en liga). Entendemos que podemos atoparnos algo novo".

Así pois, vaticina un Dépor ABANCA "con cambio de intencións, estrutura..."

Conclúe que o seu equipo viaxa a ABANCA-RIAZOR "con toda a ilusión e sendo moi conscientes do que significa este torneo na Real Sociedad".

Finalizado o choque, As Nosas comezan as súas vacacións de Nadal.