O Dépor conclúe este sábado 17 de xaneiro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) no UD Almería Stadium unha extenuante semana que comezou hai 7 días en Las Palmas, co partido de Copa del Rey en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético de Madrid entremedias.
Neste arranque da segunda volta da competición, será pois o segundo partido consecutivo de Os Nosos lonxe da Coruña e o segundo ante un aspirante ao ascenso, a UD Almería.
Antonio Hidalgo cre que o partido ante o Atlético de Madrid de Copa "reforza moito ao equipo, ao grupo, polo que mostrou e por como competiu contra un gran rival. Pero iso é pasado".
O presente é a 5ª posición en LaLiga Hypermotion con 34 puntos.
O cadro ao completo, ademais dos canteiráns Bil e Noé, realizou esta mañá, desde as 8:45, unha última sesión de adestramento no Dépor Training Center.
O corpo técnico dispuxo unha activación, un repaso ao plan de partido e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.
O preparador branquiazul lembra que a UD Almería "é un rival da zona alta, que está a competir polo mesmo que nós. Vai ser un partido moi igualado e por iso é importantísimo recuperar á xente".
A pesar diso, insiste en "sumar de 3. Viñamos cun colchón de puntos co 7º clasificado e aos poucos foise diluíndo. Temos que volver gañar partidos. É unha evidencia que cando xogas con rivais que loitan polo mesmo que ti é importante non perder. Estamos nunha situación na que nos urxe gañar, sumar de 3 e de ir con todo a por o partido".
Pola súa banda, a UD Almería, que a pasada fin de semana empatou (2-2) na súa visita ao CD Mirandés, é 3º con 36 puntos.
No seu campo esta temporada os branquivermellos gañaron ao Sporting de Gijón (2-1), Real Zaragoza (4-2), CD Castellón (1-0), SD Eibar (3-1), Cádiz CF (3-0) e Granada CF (3-2); empataron co Albacete Balompié (4-4) e SD Huesca (0-0); e perderon co Real Racing Club (2-3) e Burgos CF (1-2).
"Ten moitísimo potencial, un gran adestrador que traballa moito aos seus equipos, que sempre lle dá diferentes matices aos partidos. Hai que preparar un partido de moita igualdade".
Na primeira volta, disputada en ABANCA-RIAZOR o 5 de outubro de 2025, houbo empate a un gol. Adiantou Bonini aos andaluces aos 23 minutos e empatou Yeremay no minuto 63.
Esta semana, o equipo branquivermello presentou a Miguel de la Fuente como novo futbolista á vez que anunciou a fichaxe de Morcillo, procedente do Albacete Balompié.
En rolda de prensa, Rubi asegurou que quere tomarse o partido "coma se fose unha final porque xogamos en casa contra un equipo que se está xogando o mesmo que nós".
Iso si, tamén subliña que "non vai ser nada definitivo. Fainos ilusión gañar este partido, pero nin gañando vai ser nada definitivo".
Finalizado o encontro, Os Nosos regresan por estrada á Coruña e adéstranse de novo o luns 19 de xaneiro ás 10:30 no Dépor Training Center.
