A historia branquiazul dos últimos anos pódese resumir -aínda que haxa moito máis traballo detrás- cos seus grandes logros e coa consecución, desde 1995, de seis títulos oficiais. A Supercopa lograda ante a Valencia premia así o bo facer da pasada tempada
A Supercopa que onte levantou Fran en Mestalla é o sexto título oficial deportivista na súa historia. E os grandes logros son tan recentes que todos se conseguiron coa mesma directiva á fronte da entidade branquiazul e, ademais, tres xogadores do primeiro persoal teñen no seu haber todos os trofeos oficiais do palmarés branquiazul: Fran, Mauro e Donato.
O Deportivo xa conquistou ata agora 1 Liga (tempada 1999-2000), 2 Copas do Rei (en 1995 e 2002) e 2 Supercopas de España (en 1995 e 2000).
A Supercopa 2002, da que aínda se ouven os ecos da súa celebración en Catro Camiños, consolida ao Deportivo da Coruña como equipo infalible nas
finais, xa que gañou todas cantas disputou en competición oficial, tanto a partido único como a dobre enfrontamento. Na tempada 1994-1995, conseguiu o seu primeiro título tras derrotar tamén á Valencia (2-1) na final da Copa, disputada os días 24 e 27 de xuño de 1995 no estadio Santiago
Bernabéu -o 24 tivo que ser aprazada polas intensas choivas caídas en Madrid e terminouse de xogar o día 27-. En agosto dese mesmo ano impúxose ao Real Madrid nos dous partidos da Supercopa de España 1995 (3-0 na Coruña e 1-2 en Madrid)..
O Espanyol foi o rival herculinos na Supercopa 2000, celebrada o 20 e 27 de agosto. Na ida, no Olímpico de Montjuïc,
empate sen goles e, unha semana despois, o Deportivo impúxose dous a cero
no encontro de volta en Riazor. Pero, sen dúbida, a final máis lembrada polos afeccionados galegos é a do
pasado 6 de marzo no estadio Santiago Bernabéu. Lembrada pola súa proximidade temporal pero tamén pola súa transcendencia: disputouse ante o Real Madrid, no seu Estadio, na edición 100 do campionato de Copa e tamén coincidente
co día do Centenario do equipo madridista: 1 a 2 para o Deportivo.
Oxalá esta Supercopa sexa o anticipo dunha tempada cargada de éxitos e bo fútbol.