RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Svensson resalta o oficio do equipo en Ceuta e advirte que "estamos moito máis preto da primeira praza"

Max Svensson cre que o descanso do Nadal "ha ir ben para desconectar tamén un pouco do que é a competición", aínda que iso si, recalcou que esta circunstancia "non quita que teñas que seguir adestrando en casa ou en días libres que teñas. Eu son deses que seguen traballando día a día, aínda que sexan días libres".

Ao botar a vista atrás a un 2022 que xa conclúe, o dianteiro deportivista apunta que "persoalmente foi moi bo por esa continuidade que me deu Óscar Cano e por eses minutos que me está dando, que me dan un pouco a vida porque eu cheguei e non participaba nada. Logo atópome que empezo de inicio, ségueme dando esa continuidade e para min foi un gran cambio".

Eloxiado polo seu técnico en repetidas ocasións ante os medios de comunicación, defínese como "un dianteiro máis de equipo, de axudar aos outros compañeiros en xerar o xogo máis aló de poder finalizar as xogadas".

Preguntado polo seu entendemento no campo con Alberto Quiles, Max Svensson teno claro: "É un dianteiro como xa sabemos espectacular e enténdome moi ben con el no campo".

Subliña que a vitoria en Ceuta no último partido do ano "foi moi boa" pero tamén recalcou que "as sensacións non foron tan boas como os 3 puntos que conseguimos por problemas que tivemos dentro do equipo; pero soubemos sacar o partido, conseguimos os 3 puntos que era o importante e estamos moito máis preto da primeira praza".

Afectado tamén nese choque por un virus, como varios dos seus compañeiros, confesa que no Alfonso Murube ceutí "atopábame moi mal, con dor de barriga, malestar... Practicamente case nin durmín esa noite, como houbo varios xogadores que tamén estaban bastante mal. Aguantei o que puiden, aínda que me estivese morrendo aí no campo. Cando o meu corpo dixo que non podía máis foi cando pedín o cambio. Entrou Gorka e deu o que un dianteiro ten que dar".

O futbolista catalán leva "ben" as informacións nos medios de comunicación sobre a posible chegada dun dianteiro neste mercado de inverno: "No Dépor sempre buscan os mellores xogadores e seguirei facendo o meu traballo estea o dianteiro que estea. Se vén o que se falou de Lucas, benvido. É un dianteiro espectacular. Xoga en Primeira, xogou a Premier... Se vén, benvido e a aprender del. Seguro que aprenderei moitas cousas".

Así mesmo, tivo palabras de agarimo cara a Gorka, o seu compañeiro de demarcación: "Está amolado polo tema dos minutos igual que estaba eu ao principio, pero iso non quita que estea a traballar moi ben. Daquela o que ten que decidir é o míster. Neste caso está a decidir que xogue eu, pero obviamente el tamén pode xogar. Temos esa competencia que é moi boa, que nos está facendo bo aos dous".

Cedido esta temporada polo RCD Espanyol sen opción, Max Svensson manifestou sobre o seu futuro que "agora mesmo teño a cabeza aquí para conseguir o obxectivo. Daquela o que veña nun futuro xa virá".