RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos ganas de dar un golpe sobre a mesa fóra de ABANCA-RIAZOR", apunta Carlos Doncel

Carlos Doncel pasouse esta mañá pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O extremo deportivista lembra sobre a UD Logroñés, rival este domingo 7 de novembro ás 17:00 en Las Gaunas (Footters), que "está como nós aí arriba", ademais de que "é un recentemente descendido de Segunda División e un claro candidato a estar toda a temporada cos equipos máis fortes".

Por este motivo, vaticina esta xornada "un partido bonito, de bo ambiente. Nós imos tentar conseguir os tres puntos como en cada partido".

Titular a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Zamora CF, explica que "na primeira parte pasou máis balón pola banda esquerda con Héctor e eu; e na segunda, polas dúas bandas. É cuestión de estar aí preparado cando chegue o balón, cando teñas ocasións tentar facer dano, asociarse... Se cadra na primeira parte participei máis, pero na segunda non estaba canso. Simplemente son momentos de partido onde non participas máis pero hai que estar preparado porque se cadra no minuto 80 sen tocar un balón chégache unha e tes que enchufala".

Situado por diante de Héctor, apunta que "cando xogo en banda pódome adaptar a estar máis aberto, a estar máis por dentro. A min gústame un lateral que se incorpore. Así fai dubidar ao meu defensor, a que teña dous adversarios no canto dun. Así que prefiro un lateral que suba a banda, non a un que quede máis atrás".

Admite o extremo branquiazul que "en ABANCA-RIAZOR estamos a ser moi fortes. De feito só encaixamos un gol e foi no minuto 94 ante a SD Logroñés. E é verdade que temos ganas de dar un golpe sobre a mesa fóra de ABANCA-RIAZOR. Esta fin de semana todos temos moitas ganas de ir a Las Gaunas e poder conseguir os tres puntos e máis ante un rival directo. É unha oportunidade moi boa para ir alí, facer o noso xogo, competir moi ben e conseguir os tres puntos".

Preguntado por Yeremay, onte un dos protagonistas na histórica noite do Xuvenil A na UEFA Youth League, Doncel defíneo como "un extremo moi habilidoso que nunha baldosa pódeche deixar sentado. Á parte ten gol, ten esa habilidade de regatear e sacar disparo. É moi novo, ten un potencial incrible e #ANOSAFORZA vai gozar moito con Yeremay estes próximos anos".

Precisamente sobre o vivido onte en ABANCA-RIAZOR, batendo outro rexistro de asistencia na UEFA Youth League, extrae como conclusión que "o Deportivo está nunha categoría onde ten que estar o menor tempo posible. Imos tentar este ano entre todos, #ANOSAFORZA, xogadores, corpo técnico e toda a xente que está aquí connosco no club que este equipo vaia para arriba desde este ano xa".

Finalmente, con sete equipos agora en tres puntos neste grupo de Primera RFEF, considera "moi difícil que a pelexa se manteña entre estes sete, oito equipos. Agora si está moi igualado, pero dentro de sete, oito, nove xornadas falaremos doutras cousas. Pódese separar máis a clasificación. Oxalá sexamos nós os que esteamos máis arriba. Eu creo que se vai a ir separando e van estar tres, catro, cinco equipos con máis vantaxe de puntos respecto dos sétimos, oitavos, novenos. Iso sempre pasa nos inicios de Liga en todas as competicións".