RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Terceira vitoria consecutiva lonxe de ABANCA-RIAZOR, con remontada incluída, dun Dépor ABANCA con "fe no que estamos a facer"

O Dépor ABANCA superou este sábado 21 de febreiro na Ciudad Deportiva de Buñol ao Levante UD, en partido correspondente á 21ª xornada en Liga F.

Con este resultado, As Nosas suman 23 puntos na 11ª posición.

Fran Alonso queda "coa actitude do equipo, a fe no que estamos a facer. Remontar a un equipo en casa, nun campo pequeno, coa afección que aperta non é fácil".

Foron baixa por lesión Millene e por sanción Lucía Martínez.

Con todo, Fran Alonso si puido contar con Hildah Magaia, a internacional surafricana que se incorporou á concentración do Dépor ABANCA xa en Valencia, unha vez resoltos todos os trámites burocráticos.

Sentou no banco pero non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O partido chegou ademais no medio dunha onda de citacións internacionais: Espe Pizarro con Uruguai, Inês Pereira con Portugal e Marisa con España sub-20; ademais de Lucía Rivas e Redru, que acaban de chegar dunha concentración da selección española sub-19.

Non empezou ben o encontro para o Dépor ABANCA.

Aos 3 minutos, Raí Carrasco aproveita un desaxuste defensivo para encarar en solitario a Inês Pereira e lograr o primeiro do partido no man a man.

A piques de estivo a mesma futbolista de lograr o segundo cunha fenomenal volea. Esta vez atopouse cunha gran parada de Inês Pereira.

"Saímos nerviosas. Non nos esperabamos o seu cambio de formación. Elas estiveron ben. Nos primeiros 30 minutos foron superiores", apuntou o técnico deportivista.

De Olaya foi o primeiro achegamento deportivista, cunha cabezada á saída dun córner ás mans da gardameta Tarazona.

No outro área, Ana Franco rematou de cabeza ás mans de Inês Pereira, ben colocada.

"Axustamos un pouco no últimos minuto. Aí crecemos", apuntou Fran Alonso.

No minuto 40, Paula Gutiérrez centra ao segundo pau. Espe Pizarro, en plena xeira goleadora, controla orientado e bate por baixo a Tarazona.

"Foi moi importante chegar ao descanso con ese gol. Irnos ao descanso con ese gol foi moi importante", subliñou o preparador branquiazul.

Após o paso polos vestiarios cambiou a decoración do partido.

"Estivemos moi ben, gañamos moitos máis duelos, coas ideas máis claras, con ocasións para marcar máis goles", resumiu o adestrador do Dépor ABANCA.

O Dépor púxose por diante no minuto 58. Olaya lanza unha falta lateral ao primeiro pau, Tarazona non atalla e Marisa aprovéitase para facerse coa pelota para empuxala a porta baleira.

No entanto, o Levante UD, empatou o partido no minuto 87 grazas a un gol de Carol, que foi invalidado por fóra de xogo após pasar polo VAR.

A xogada arrincou nun saque de falta lateral ao traveseiro da portería do Dépor ABANCA, o rexeite cae a Teresa, que prolonga en profundidade a Carol. 

Con susto chegouse ao final dun partido que prolonga a boa serie de As Nosas lonxe de ABANCA-RIAZOR.

Levante UD: Tarazona, Alma (Inés, min. 62), Teresa, Eva Alonso, Gema (Carol, min. 68), Bascu (Dolores, min. 68), Ari Arias, Ana Franco (Gonzo, min. 72), Gabaldón, Alharilla e Rai Carrasco

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Paula Novo, min. 75), Barth, Elena (Raquel, min. 75), Vera, Marina Artero, Paula Gutiérrez (Lía, min. 86), Olaya, Ainhoa Marín (Lucía Rivas, min. 86), Marisa e Espe Pizarro (Redru, min. 90+5)

Árbitra: Ylenia Sánchez Miguel, do comité catalán. Amoestou a Teresa (min. 25), Ana Franco (min. 32), Alma (min. 53), Samara (min. 61), Dolores (min. 76), Marina Artero (min. 81), Coronado (min. 84), Barth (min. 86) e Marisa (min. 90)

Goles: 1-0 Raí Carrasco (min. 3); 1-1 Espe Pizarro (min. 40); 1-2 Marisa (min. 58)

Incidencias: partido disputado na Ciudad Deportiva de Buñol