RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Tocoume traballar para conseguir eses minutos e estou contento de debutar", di Gerard Valentín

Gerard Valentín, que debutou ante o Getafe no Dépor en partido oficial e en Primeira División, manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "é unha ilusión poder debutar na máxima categoría e máis en casa, e máis con vitoria. Se un exponllo, pouco máis pode pedir".

O lateral deportivista recoñece que "me tocou traballar para conseguir eses minutos e estou contento de poder debutar". "Traballo para poder conseguir máis minutos e que despois chegue o domingo e poder estar a disposición do míster", engade.

Confesa que leva con naturalidade a súa actual situación no Dépor: "É o mundo do fútbol. Ao final nós estamos acostumados. A nosa vida sempre a pasamos fóra de casa, e sempre que chegas a un sitio novo, tes que convencer". "Sabía que cada vez que dás un salto tes que convencer porque ao final vés dunha categoría inferior e tes que demostrar a túa valía. Estou contento de poder debutar xa, e máis con vitoria", recalca.

Cualifica como "un pasiño" entrar na convocatoria contra o Getafe despois de estar as primeiras xornadas sen entrar na lista de 18: "Ao final é un premio ao teu traballo entrar na convocatoria e poder debutar aínda máis".

Preguntado sobre o Eibar, rival do Dépor este domingo 15 de outubro (12:00 horas, Bein LaLiga) en Ipurua, advirte Gerard que "todos os equipos ao final son competitivos. Custa gañar os partidos contra quen sexa e onde sexa. Ao final iremos alí a tentar competir ao máximo, a tentar sacar todo o que podamos".

Non cre que o do equipo vasco sexa "un milagre": "Ao final levan tres ou catro anos facendo moi boa campaña, quedando de media táboa para arriba mesmo", afirmou.

O lateral deportivista lembra que "ao final temos que gañar fóra de casa e sacar puntos. Iso é clave. Ao final en casa gañarás pero non poderás facelo todos os partidos. Fóra de casa tarde ou cedo temos que sacar unha vitoria".

Ve a Pepe Mel "como o primeiro día. Leva moitos anos de adestrador", di en referencia aos seus últimos días á fronte do Deportivo.

Conta falar con Emilio Viqueira, ex xogador do Dépor agora nas filas do Nàstic de Tarragona como Director Deportivo, que "me deu moi boas referencias do Club, díxome que estaría encantado de vivir aquí e a verdade, ata o momento, vívese moi ben aquí".

Define a temporada de Juanfran, o outro lateral dereito do cadro, como "correcta" e defíneo como "un espello. Leva moitos partidos en Primeira e hai que aprender del, de Fernando (Navarro), de Luís (Luisinho), como en todos os que poida desa posición".