RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Traballo táctico nunha suave sesión esta mañá en Abegondo

Fernando Vázquez comezou esta mañá cos seus xogadores dispoñibles, incluídos os fabrilistas Adri Castro e Manu Mosquera, a preparar a visita ao Zamora CF prevista para este domingo 10 de xaneiro no Estadio Ruta de la Plata (17:30, Footters).

O técnico deportivista, após un quecemento, dispuxo un traballo táctico no campo 3 do complexo branquiazul. A mañá acabou cun roldo nun día de baixa intensidade, como é habitual 48 horas antes de cada partido.

Borja Galán completou con normalidade o adestramento, aínda que o dianteiro madrileño segue de baixa médica.

Ademais dos lesionados Miku, Derik, Bóveda, Héctor e Claudio Beauvue, este pendente de avaliación médica dunhas molestias nos isquiotibiais; hoxe tiveron adestramento específico Uche, Keko e Lara.

Mañá sábado, o cadro está citado ás 11:00 en Abegondo. Ao concluír, Fernando Vázquez fará pública a lista de xogadores convocados que viaxarán ás 15:30 por estrada a Zamora para disputar o encontro co que se pon o punto e final á primeira volta da liga no subgrupo A.