RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Triunfo agridoce fronte ao Zamora CF (2-0)

O Deportivo cumpriu coa súa parte na última xornada da primeira fase ligueira cunha incontestable vitoria ante o líder, un Zamora CF ao que foi moi superior, pero queda fóra da fase de ascenso a Segunda ao non producirse ningún dos outros resultados necesarios.

Rubén de la Barrera repetiu o once que triunfou a pasada fin de semana en Barreiro. En fronte, un Zamora CF xa clasificado para disputar a fase final polo ascenso a Segunda e que regresaba a Riazor practicamente 40 anos despois da súa primeira e única visita, que data do 3 de maio de 1981. Naquela ocasión, o Deportivo impúxose tamén por 2-0, con goles de Alfonso Castro e Fernando Muñoz. Aquela vitoria deixou ao Dépor a dous puntos do ascenso a Segunda, que certificou a semana seguinte, tamén en casa fronte ao Pontevedra CF. Desde entón, o cadro zamorano visitou ao Fabril en dúas ocasións, pero os partidos celebráronse na Grela 1 (2000-01) e Abegondo (2008-09).

O encontro arrancou co Zamora CF tratando de impoñer o seu fútbol-control, cun xogo lento, con moita pausa. Iso impediu chegar con claridade a un Deportivo que seguiu traballando para que chegase o seu momento. Ese momento chegou en primeira instancia no minuto 12, cun disparo afastado de Raí, raso e frouxo a mans de Jon Villanueva. Os branquiazuis deron continuidade á súa ofensiva un minuto máis tarde, cando Salva Ruiz centrou por baixo e Keko, chegando desde atrás, rematou co seu pé esquerdo ás nubes.

O Dépor xa tomara o mando do partido cando, no minuto 17, Keko roubou a pelota ao central Adrián Crespo. O madrileño salvou a posterior entrada do defensa cun autopase picado, contemporizou esperando a chegada dalgún posible rematador e, ante a imposibilidade de atopalo, decidiu buscar portería el mesmo, batendo a Jon Villanueva cun duro dereitazo raso.

Ese resultado, unido ás demais combinacións, xa era suficiente para colocar ao Dépor na fase de ascenso. Pouco despois aínda se puxeron mellor as cousas, posto que se adiantou o Coruxo ante o Celta B.

No minuto 22, os deportivistas estiveron a piques de ampliar a súa vantaxe. Bóveda centrou desde a dereita, Raí peiteou o balón e este caeu no segundo pau, onde o rematou Miku co seu pé esquerdo. Jon Villanueva atrapou a pelota sobre a mesma liña de gol. Cinco minutos máis tarde, Keko caracoleou na área e o seu disparo golpeou nun defensa. Co porteiro visitante vencido cara á súa esquerda, o coiro saíu cara ao lado contrario pero estrelouse no lateral dereito da rede do marco zamorano.

O conxunto castelán-leonés non pisou a área local até pasada a media hora. Foi nun saque de esquina que se botou sen consecuencias.

As malas noticias, con todo, sucedéronse nos minutos finais, posto que o Celta B deu a volta ao marcador no campo do Vao con dous goles en dous minutos. Co Racing de Ferrol perdendo en Salamanca ante o Unionistas, o Deportivo chegaba ao descanso fóra das tres primeiras posicións da táboa.

A segunda metade desenvolveuse de maneira similar, cun arranque no que apenas se pisaron as áreas. Tardaron dez minutos os branquiazuis en chegar e fixérono con claridade, nun córner que rematou Álex Bergantiños, o balón golpeou en Uche Agbo e quedou solto para que Raí rematase de socato. O disparo do brasileiro atopouse cunha boa intervención de Jon Villanueva.

Ao cuarto de hora produciuse o empate do Racing de Ferrol en Salamanca. Quedaba media hora e un gol do Racing na Reina Sofía ou un do Coruxo no Vao metía ao Dépor entre os tres primeiros.

Os branquiazuis continuaron dominando con claridade, pero durante moitos minutos realizaron boas xogadas que non tiveron remate. O Zamora CF, pola súa banda, só chegou en varios saques de esquina, como un no minuto 69 que peiteou Íñigo Piña desviado por pouco.

O Deportivo comezou a traducir os seus abundantes ataques con disparos en dous lanzamentos consecutivos desde o bordo da área, o primeiro de Salva Ruiz e o segundo de Raí. Ambos marcharon por encima do traveseiro. No minuto 76, Uche Agbo tivo a ocasión de sentenciar. Borja Galán e Keko conduciron un veloz contragolpe que finalizou o nixeriano pola dereita da área contraria cun canonazo escorado que rexeitou o gardameta branquivermello. Rayco e Borja Galán gozaron dunha clara dobre oportunidade no minuto 82. O primeiro tirou case sen ángulo após un pase en profundidade de Uche Agbo. O rexeite de Jon Villanueva caeu a pés de Borja Galán, cuxo lanzamento sacou un defensa baixo paus co porteiro fóra da súa posición.

Cando xa finalizaran os outros encontros sen moverse o marcador, o que deixaba ao Deportivo definitivamente fóra de calquera posibilidade de ascenso, chegou o segundo tanto. Lara, após unha veloz internada lanzada por un pase de Valín, que acababa de entrar ao lesionarse Salva Ruiz, foi derrubado por Dani. Borja Galán transformou a pena máxima.

Con esta vitoria, os branquiazuis arrancarán a loita por estar a temporada que vén en Primeira RFEF na cabeza da táboa, por diante de Racing de Ferrol, SD Compostela (Subgrupo A), CD Numancia, UP Langreo e Marino de Luanco (Subgrupo B).

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Mujaid, Borja Granero, Salva Ruiz (Valín, min. 88), Villares, Álex Bergantiños, Uche Agbo, Keko (Lara, min. 78), Miku (Borja Galán, min. 70) e Raí (Rayco, min. 78).

Zamora CF: Jon Villanueva, Dani, Íñigo Piña (Asiel, min. 90+2) (Sergio García, min. 90+5), Adrián Crespo, Álex Menéndez, Ángel (Escudero, min. 46), Vallejo, Nico Delmonte (Coscia, min. 83), Carlos Ramos (Aziz, min. 90+2), Dani Hernández e Guille Perero.

Goles: 1-0 Keko (min. 17); 2-0 Borja Galán, de penalti (min. 90+1).

Árbitro: Pérez Hernández (c. madrileño). Cartóns amarelos a Bóveda (min. 8), Ángel (min. 27), Nico Delmonte (min. 41) e Dani (min. 80).

Incidencias: partido da 18ª xornada do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 500 espectadores debido á pandemia de COVID-19.