Última sesión da semana en Abegondo, con Dani Barcia e Patiño no grupo, antes de viaxar mañá sábado a Alicante
O Dépor realizou esta mañá no campo 3 a última sesión da semana en Abegondo posto que mañá sábado 15 de febreiro, Os Nosos viaxan á primeira hora a Alicante e adestraranse a partir das 18:00 na Cidade Deportiva do Elche CF.
Como é habitual, Óscar Gilsanz rebaixou a intensidade e, após uns rondos, os futbolistas completaron un exercicio de remates a portería e un repaso ás accións a balón parado.
Escudero e Ximo Navarro estiveron esta mañá con adestramento personalizado mentres que Alberto foi o representante de #ANOSACANTEIRA.
En rolda de prensa, o técnico deportivista foi cauto con Charlie Patiño e Dani Barcia, que onte non se adestraron co grupo "por senllos golpes. Imos ver como están hoxe", apunta.
Sobre o central coruñés o preparador branquiazul desvela que sofre "un esguice de nocello. Onte estaba bastante inflamado e imos ver como está hoxe para decidir", reitera.
Iso si, valorou positivamente a renovación de Dani Barcia asinada onte até 2028: "É unha alegría para todos, para seguir a progresión que leva no Club. Hai central para moitos anos".
Manuel Pablo, técnico do Fabril, opinou en rolda de prensa que "son boas noticias de xente que leva moito tempo en ANOSACANTEIRA, que están a sumar igual que os que se fala como Guerrero, Pablo García... Levan anos aquí e está a demostrar que as cousas se está facendo ben, que están a competir ben e que están a acurtar os pasos para ser os novos Dani Barcia, Mella..."
O adestrador fabrilista mostrouse "contento de que sexan xogadores que se criaron aquí".