RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA con "boas sensacións" mídese á SD Eibar en ABANCA-RIAZOR e "dar un paso na dirección correcta"

Un Dépor ABANCA con "boas sensacións" segundo asegurou o pasado xoves en rolda de prensa Fran Alonso, recibe mañá domingo ás 17:30 (Dazn) á SD Eibar en partido correspondente á 21ª xornada na Liga F.

"É un partido en casa e sempre é un extra por ter o apoio de #ANOSAFORZA. Así que estamos con moitísimas ganas de que chegue o partido e oxalá que siga a xeira", apuntou o técnico deportivista.

As Nosas, co empate da pasada fin de semana na Cidade Deportiva Dani Jarque ante o RCD Espanyol, chegan ao choque en 11ª posición con 21 puntos.

O equipo realizou esta mañá unha última sesión en Abegondo con todas as futbolistas dispoñibles salvo Henar, "que está xa cerquiña".

Pola súa banda, a SD Eibar, que a pasada fin de semana caeu en Ipurúa (1-8) ante o FC Barcelona, tamén ten 21 puntos na 12ª posición.

Non oculta o preparador branquiazul que un triunfo mañá en ABANCA-RIAZOR suporía "dar un paso na dirección correcta. É un rival cos mesmos puntos que nós. Sería súper importante o poder gañar e meterlle 3 puntos. Sabemos cal é o obxectivo que é quedarnos nesta liga pero tentamos mirar para arriba, escalar o maior número de posicións que podamos".

Na primeira volta en Ipurúa o pasado 20 de outubro (7ª xornada) houbo empate sen goles (0-0).

Lonxe do seu campo esta temporada a SD Eibar gañou ao Levante Las Planas FC (0-1), Real Madrid CF (0-1) e Athletic Club (0-1); empatou co Atlético de Madrid (1-1) e UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (1-1); e caeu co Granada CF (2-0), RCD Espanyol (2-1), FC Barcelona (4-0) e Madrid CFF (2-1).

Yerai Martín, técnico eibarrés, subliña que "o domingo nos enfrontamos un Dépor ABANCA que nunca nos enfrontamos. Co cambio de adestrador cambiou a idea, o sistema... Temos boas experiencias en temporadas anteriores desde a pelexa en Segunda División. Todo son vitorias ou empates para nós en partidos moi igualados".

Advirte que o conxunto deportivista "ten moitas similitudes á SD Eibar empezando polos 3 centrais que nós tamén utilizamos. É un equipo que sente cómodo en transicións e está a ser un pouco máis pragmático do que era".

Do mesmo xeito que apuntara Fran Alonso, Yerai resalta que Dépor ABANCA e SD Eibar "teñen os mesmos puntos, as mesmas vitorias, os mesmos empates, os goles parecidos. Se preveé un partido moi igualado onde os detalles marcarán o devir do encontro".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 10 de marzo ás 11:00 en Abegondo.