RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "con moita fame de facelo ben" mídese mañá domingo a un Real Betis Féminas que ten 3 puntos máis

O Real Betis Féminas será o rival do Dépor ABANCA mañá domingo 26 de xaneiro ás 16:00 (Dazn, Gol Play e TVG) en partido correspondente á 16ª xornada da Liga F.

O encontro xogarase na Cidade Deportiva verdibranca Luis del Sol.

Co triunfo do pasado venres ante o Levante UD en ABANCA-RIAZOR, As Nosas ocupan a 14º posición con 12 puntos, a 3 das béticas, décimo quintas con 15 puntos.

En rolda de prensa, Fran Alonso asegura que as súas xogadoras "teñen moita fame de ir alí e de facelo ben".

O técnico deportivista ten a todo o seu cadro á súa disposición, polo que agradece "aos nosos servizos médicos, que son top; e ao noso corpo de preparadores físicos porque as xogadoras están ben preparadas e de momento estamos moi ben no tema de lesións".

Pola súa banda, o Real Betis Féminas chega ao encontro após caer co Sevilla FC (2-0) no derbi andaluz.

Ambos os equipos víronse as caras en dúas ocasións esta temporada: en liga en ABANCA-RIAZOR o 22 de setembro (3ª xornada) con empate a ceros no marcador; e en Copa de la Reina en Abegondo o pasado 5 de novembro (dezaseisavos de final) con 3-0 a favor do Dépor ABANCA.

No seu campo as andaluzas esta campaña gañaron ao Levante Las Planas FC (4-3) e Atlético de Madrid (2-1); empataron co RCD Espanyol (0-0) e Madrid CFF (1-1); e caeron co Real Madrid CF (0-3), UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (0-1) e Levante UD (1-2).

As Nosas adestráronse por última vez esta mañá en Abegondo.

Ao concluír, as concentradas viaxan a Sevilla con esta folla de ruta:

Sábado 25 de xaneiro
11:00: Adestramento en Abegondo
17:45: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto Adolfo Suárez - Barajas
19:55: Saída do voo do Aeroporto Adolfo Suárez - Barajas con destino ao Aeroporto de San Pablo - Sevilla
21:05 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de San Pablo - Sevilla e traslado ao hotel AC Sevilla Fórum by Marriott

Domingo 26 de xaneiro
16:00: Real Betis Féminas - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva Luis del Sol
Ao concluír, traslado en autocar á Coruña