Un Dépor ABANCA mentalizado en "loitar até o último partido de liga" recibe mañá en ABANCA-RIAZOR ao UD Costa Adeje Tenerife Egatesa
O Dépor ABANCA mídese mañá sábado 22 de marzo ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ao UD Costa Adeje Egatesa Tenerife en partido correspondente á 23ª xornada na Liga F.
Os últimos resultados, co empate no Estadio Alfredo Di Stéfano ante o Real Madrid CF, deixaron ás Nosas na 12ª posición con 22 puntos.
Fran Alonso, en rolda de prensa, cualifica a competición como "moi bonita, moi competida. Os equipos están a xogarse todo e nesta xornada os equipos de abaixo puntuaron moitos".
Cre que o partido ante as madrileñas foi "moi bo. Tivemos a oportunidade de gañar. Tamén é certo que o puidemos perder"; e engade que "foi un punto de ouro ante un equipo que está a un paso das semifinais da Champions".
Mostrouse "moi orgulloso das xogadoras pola súa concentración, os seus esforzos" e pide "seguir crecendo. É moi valioso dos últimos 8 partidos só 1 derrota. Iamos estar loitando até o último partido de liga e así vai ser".
É baixa para o partido Henar Muiña, que será operada o vindeiro mércores 26 de marzo no Hospital Quirónsalud A Coruña do seu xeonllo dereito.
Pola súa banda, o UD Costa Adeje Egatesa Tenerife, que a pasada fin de semana caeu (1-2) ante o FC Barcelona, é 7º na táboa con 31 puntos.
Na primeira volta disputada no Municipal de Adeje o pasado 12 de xaneiro (14ª xornada) venceron as tinerfeñas (5-1) a pesar de que ao descanso gañaban As Nosas por 0-1 con gol de Henar.
Lonxe do seu campo esta temporada, o UD Costa Adeje Tenerife Egatesa gañou ao Real Betis Féminas (0-1), Sevilla FC (0-2) e Valencia Féminas CF (1-2); empatou co RCD Espanyol (0-0), Levante As Planas FC (0-0) e SD Eibar (0-0); e caeu co Madrid CFF (2-1), FC Barcelona (5-1), Real Sociedad (2-0), Granada CF (2-1) e Levante UD (2-0).
O seu técnico, Eder Maestre, subliñou que "ten que ser estimulante poder xogar noutro campo emblemático como é ABANCA-RIAZOR e é unha boa oportunidade para pensar en puntuar +3".
Do Dépor ABANCA opina que "fai demasiadas cousas ben e xéranos suficientes alertas".
Finalizado o encontro, As Nosas teñen o domingo xornada de descanso.