O Dépor ABANCA enfróntase este sábado 21 de febreiro ás 12:00 (Dazn) na Ciudad Deportiva de Buñol ao Levante UD, en partido correspondente á 21ª xornada en Liga F.
As Nosas chegan ao choque con 20 puntos na 12ª posición.
Fran Alonso asegura que "estamos nun bo momento a pesar do último partido. Ao non vernos en postos de descenso como estabamos se cadra o ano pasado somos un equipo máis valente, máis agresivo".
Iso si, advirte que "tamén equipos con calidade pódenche facer dano nas transicións. Tomamos máis riscos. Iso tradúcese en bos partidos con moitos goles se estamos ben nas áreas e partidos que se cadra non estamos tan ben temos que sufrir esa derrota".
Iso si, se contamos unicamente os partidos 2ª volta, o conxunto de Fran Alonso situaríase 8º na clasificación por diante do Athletic (empate a puntos pero con maior diferencia de goles), Atlético e SD Eibar, equipos aos que aínda se ten que enfrontar nesta volta.
Son baixa para o encontro a lesionada Millene e a sancionada por acumulación de amoestacións Lucía Martínez.
Sobre Henar afirma que "leva adestrando 2 días sen restricións. O partido chega un pouco pronto para ela pero pronto a poderemos ver nos campos xogando".
O Dépor ABANCA recibe o reforzo de Hilda Magaiah, a internacional surafricana, xa con todos os papeis en regra: "Podería entrar en convocatoria e podería xogar. Se cadra vémola", vaticinou Fran Alonso.
Esta semana, as deportivistas Lucía Rivas e Redru participaron nuns adestramentos coa selección española sub-19 na localidade murciana de San Pedro del Pinatar.
Estas sesións serviron para preparar a Rolda 2 de clasificación para o Campionato de Europa da categoría.
Pola súa banda, o Levante UD pecha a clasificación da táboa con 8 puntos.
No encontro da primeira volta disputado o pasado 16 de novembro en ABANCA-RIAZOR venceron as branquiazuis por 1-0 con tanto de Marisa.
No seu campo esta temporada as granotas gañaron ao Madrid CFF (2-1); empataron co Alhama CF (0-0); e caeron co Granada CF (1-2), SD Eibar (0-1), Sevilla FC (0-1), UD Costa Adeje Tenerife (2-4), FC Barcelona (0-4), RCD Espanyol (0-1), Real Madrid CF (1-2) e Atlético de Madrid (0-1).
A futbolista granota María Gabaldón manifestou que "é un partido moi importante, necesitamos o tres puntos como sexa. En casa témonos que facer fortes e facer un partido moi serias para poder sacar o tres puntos".
Así mesmo, recoñece que "a afección en casa é moi importante, a nós dános moito e esperamos que haxa moita xente e podamos sentir o seu apoio".
O Dépor ABANCA adestrouse por última vez este venres 20 ás 9:00 horas no Dépor Training Center antes de partir de viaxe con esta folla de ruta:
Venres 20 de febreiro
9:00: Adestramento no Dépor Training Center
12:30: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto Adolfo Suárez - Barajas
15:15: Saída do voo do Aeroporto Adolfo Suárez - Barajas con destino ao Aeroporto de Valencia
17:10 (hora aproximada): Chegada ao hotel Ignacio Palomar Group en Buñol
Sábado 21 de febreiro
12:00: Levante UD - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva de Buñol
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
As Nosas adestraranse de novo o domingo 22 de febreiro ás 14:00 no Dépor Training Center.
