O Dépor visita mañá sábado 2 de novembro ao FC Cartagena (16:15, LaLiga TV Hypermotion) en partido correspondente á 13ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os Nosos chegan ao choque do Estadio Cartagonova en 20ª posición de LaLiga Hypermotion con 10 puntos e con Óscar Gilsanz á fronte do equipo.
O adestrador deportivista atopouse esta semana a "un equipo forte, cunha fortaleza interior grande. Están (os futbolistas) jod... pola situación loxicamente, pero atopeime un equipo con moitas ganas, con moita ilusión, cunha fortaleza mental grande, con moi boa predisposición para o traballo. Neste sentido, creo que o traballo foi bo; e despois atopeime a un equipo que está convencido que vai facer unha boa temporada e que vai á volver notar esas sensacións de cando un equipo vai para arriba".
Así mesmo asegurou onte na rolda de prensa previa que "estou a disposición do que o Club decida. Neste momento o obxectivo está posto no partido do sábado e a partir de aí xa veremos".
Sente "confianza no traballo, confianza no equipo; responsabilidade loxicamente porque es o máximo responsable das decisións que se vaian a tomar; ilusionado; pero sobre todo responsabilizado co que o Club necesita neste momento".
O Dépor realizou esta mañá a última sesión de adestramento antes do partido entre os campos 2 e 3 de Abegondo.
Gilsanz apuntou que con apenas 3 adestramentos ao mando "dá tempo a facer as cousas de 3 sesións, que é o que o que podemos facer: simplemente mostrarlle aos xogadores a confianza, axudarlles no que un corpo técnico, un adestrador pode. E iso é o que lles dixen a eles. Veño aquí a axudar, a que volvan a ese rendemento que che fai gañar partidos. Nese sentido non teño ningún outro obxectivo en mente".
O cadro arrincou cunha activación cun roldo no centro do campo; e seguiu cun exercicio táctico.
Son baixa por lesión Mfulu e Jose Ángel. Por contra, o equipo recupera a Jaime, que xa traballou co grupo boa parte da semana.
Pola súa banda, o FC Cartagena, que a pasada fin de semana caeu (3-1) en Miranda de Ebro, é 22º con 7 puntos.
Este pasado mércores, o equipo cartagenero superou, cun gol de Luis Muñoz no minuto 90, ao Beasain KE (0-1) de Tercera Federación na primeira eliminatoria da Copa del Rey, rolda da que quedou exento o Dépor na súa condición de vixente campión de Primera Federación.
En rolda de prensa após o choque ante o conxunto vasco o adestrador do FC Cartagena, Jandro, referiuse aos futbolistas valencianos do seu cadro como o internacional sub-21 Pablo Campos ou Hugo González, que poidan acusar a traxedia que vive especialmente a súa comunidade autónoma: "Falei con eles e están ben; preocupados como todos e amolados polo que está a pasar porque é unha traxedia grande. Están para competir pero é verdade que é difícil e máis cando es de alí".
De feito, para o partido, o FC Cartagena habilitará no seu estadio dous puntos de recollida de alimentos e roupa para os miles de persoas damnificadas.
En Cartagonova esta campaña os blanquinegros empataron co Elche CF (0-0); e caeron co Real Zaragoza (1-2), o Levante UD (0-1), o Cádiz CF (1-2), o Racing de Ferrol (0-1)
Finalizado o encontro, Os Nosos pasan a noite en Cartaxena e regresan o domingo á Coruña.