RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor impulsado pola Copa e sen apenas baixas encara mañá a visita ao Racing de Ferrol

Un Deportivo impulsado e reforzado pola clasificación para a segunda eliminatoria da Copa do Rei lograda o pasado mércores na Condomina ante o UCAM Murcia CF, encara mañá sábado 4 de decembro a visita ao Racing de Ferrol na Malata (19:00 horas, Footters).

A semana de traballo, lembrou Borja Jiménez esta tarde en rolda de prensa, "foi un pouco máis curta porque xogamos o domingo, daquela o mércores e agora outra vez o sábado, chegando onte. Puidemos facer poquita cousa onte porque ao final madrugamos e chegamos a casa á hora para comer. Entón estaba a xente un pouco máis cansa do habitual, pero ben".

O equipo desprázase mañá á primeira hora da tarde con 22 xogadores, incluídos os canteiráns Noel, Trilli e Yeremay. A única ausencia por motivos médicos é Doncel, debilitado por un proceso febril estes últimos días a pesar de que esta tarde se adestrou co grupo en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada.

Nesta última sesión, após un quecemento con xogos, o corpo técnico branquiazul dispuxo dun partido a metade de campo, un exercicio táctico a campo completo e unha tarefa de finalizacións para dianteiros e carrileros.

Empolicado no liderado do grupo 1º de Primeira RFEF con 30 puntos, tres máis que o Racing de Santander e a UD Logroñés, os branquiazuis chegan a Ferrol após o empate (1-1) da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Athletic Club B.

No entanto, os deportivistas exhiben fiabilidade lonxe da Coruña, con triunfos en Tudela (0-1), Calahorra (0-3), Logroño ante UD Logroñés (1-2) e CF Rayo Majadahonda (1-2); un empate no Sardinero (0-0); e só dúas derrotas en Irún (2-1) e en Salamanca ante Unionistas.

Pola súa banda, o Racing de Ferrol é oitavo na táboa con 21 puntos. Os ferroláns caeron a semana pasada en San Sebastián de los Reyes (1-0). No que vai de liga na Malata, os pupilos do técnico ex deportivista Cristóbal Parralo non puideron co Unionistas de Salamanca CF (0-1), CD Badaxoz (0-1) e SD Logroñés (0-2); empataron ante Real Racing Club (1-1) e Cultural Leonesa (1-1); e gañaron ao Real Valladolid Promesas (2-1) e RC Celta B (5-0) no último partido disputado no seu estadio antes de medirse ao Dépor.

O choque é especial pola proximidade das dúas cidades. Ante un desprazamento masivo de #ANOSAFORZA, Borja Jiménez recalcou ante os medios de comunicación o mesmo mensaxe de "agradecemento, porque o outro día estabamos en Murcia e hai xente do Deportivo. En calquera sitio de España a calquera hora do día atópasche un afeccionado do Deportivo. Mañá haberá xente dentro, haberá xente que non puidese conseguir entrada e estea connosco na distancia. Sempre que hai un desprazamento digo o mesmo: que teñan coidado, que llo pasen ben e tentar nós, dentro do que podamos, que gocen e que volvan cun sorriso. Ese vai ser o noso obxectivo, como o é cada semana, sabendo que é un partido diferente pola proximidade".