RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor que quere "empuxar, crer, ter humildade" arrinca este sábado 28 ás 21:00 en Gijón unha extenuante semana de 3 partidos en 7 días

O Dépor, arroupado por uns 600 afeccionados, comeza este sábado 28 ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion, TVG, GOL e Cayo TV) no Estadio de El Molinón - Enrique Castro 'Quini' unha semana de 3 partidos, co do Córdoba CF o martes 31 e o Málaga CF o sábado 4 de abril, ambos en ABANCA-RIAZOR.

Antonio Hidalgo advirte que "en canto a recuperacións pouco podes facer. O táctico telo que traballar moito máis en pizarra, moito máis estático. E recuperar á xente, tentar ver aos futbolistas que poidan ser capaces de repetir máis esforzos, e ver os que poidan ter molestias e non arriscar demasiado".

Co triunfo da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Real Zaragoza, Os Nosos chegan ao choque en 2ª posición con 55 puntos, os mesmos que a UD Almería (3º).

O técnico deportivista insiste en "empuxar cada semana, crer cada semana, ter humildade para saber o rival que tes diante".

O equipo recupera a Loureiro, que "fixo practicamente a semana enteira a pleno rendemento. Recuperamos outro efectivo. Vénnos ben porque non temos a Lucas Noubi (que xoga este venres 27 con Bélxica Sub-21)", concluíu o preparador branquiazul.

Ademais do internacional belga, non estarán en Gijón David Mella, lesionado, nin Stoichkov, sancionado por ver ante o Real Zaragoza o seu 5ª cartón amarelo.

Sobre o atacante gaditano, o adestrador do Dépor opina que "está nese pico de forma, de confianza, facendo gol, que é o que fixo sempre. Fai un traballo con e sen balón moi bo. Está a darnos moitísimo. Agora tentaremos solucionar esa baixa con outro compañeiro".

O Dépor realizou este mediodía a última sesión de traballo no Dépor Training Center antes de partir de viaxe a Gijón.

Coa presenza dos canteiráns Bil e Samu, o corpo técnico dispuxo unha activación, fútbol reducido e unha tarefa de finalizacións.

Pola súa banda, o Sporting de Gijón, que a pasada fin de semana caeu nas Palmas (1-0), é 9º con 45 puntos.

O atacante Gelabert, en rolda de prensa, admite que "vimos dunha derrota en Canarias que nos fai dano porque acabamos o partido tendo oportunidades". 

Na primeira volta disputada o pasado 7 de setembro en ABANCA-RIAZOR gañou o Dépor cun tanto de Dani Barcia no minuto 88.

E do conxunto deportivista opina que "é un gran equipo, con grandes nomes individuais. Vai poder estar arriba".

No seu campo esta campaña o conxunto asturiano dos ex deportivistas Pablo Vázquez e Borja Jiménez, gañou ao Córdoba CF (2-1), Cultural Leonesa (1-0), Real Racing Club (2-1), Real Zaragoza (1-0), Granada CF (1-0), CD Mirandés (3-0), SD Huesca (2-1) e CD Castellón (4-1); empatou coa UD Las Palmas (0-0), SD Eibar (1-1), FC Andorra (1-1), Real Valladolid CF (2-2) e CD Leganés (0-0); e caeu co Burgos CF (2-3), Albacete Balompié (3-4) e Málaga CF (1-3).

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse o domingo 29 de marzo ás 12:30 no Dépor Training Center.