RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

"Un erro temperán" condicionou ao Dépor ABANCA, que vén sen puntuar da súa visita ao FC Badalona Women

O Dépor ABANCA iniciou a segunda volta da Liga F este domingo 18 de xaneiro con derrota pola mínima (1-0) no Estadi Municipal de Palamós - Costa Brava ante o FC Badalona Women.

Con este resultado, As Nosas quedan con 14 puntos na 13ª posición da táboa.

Decidiu o encontro un tanto de Irina aos 2 minutos de partido, xogada que Fran Alonso cualificou como "un erro moi malo".

Foron baixa por lesión Henar; Millene Cabral, que no partido ante o UD Costa Adeje Tenerife da pasada fin de semana sufriu unha luxación acromio-clavicular no seu ombreiro dereito e policontusiones na cara e tronco; ademais de Marisa e Barth por molestias musculares.

Paula Novo, Redru e Lucía Rivas foron as representantes de ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o FC Badalona Women, con 17 puntos, chegaba ao choque 9º na táboa.

No partido da primeira volta, disputado en ABANCA-RIAZOR o 30 de agosto (1ª xornada), houbo empate sen goles entre deportivistas e catalás.

O encontro púxose costa arriba nos instantes iniciais, ao bater Irina a meta de Inês Pereira. 

Nun balón longo, a internacional portuguesa non se entende con Raquel á hora de despexar un balón, que queda franco á atacante catalá.

"Nunha xogada que tiñamos vantaxe atopáronse cun gol demasiado fácil ao comezo e aí xa hai qu remar en contra", apuntou o técnico deportivista.

A pesar do tanto catalán, o Dépor ABANCA buscou o empate con oportunidades para Paula Gutiérrez e Bárbara.

Respondeu o FC Badalona Women cunha ocasión de Julve que cruzou un balón raso ao pau dereito da portería branquiazul após outra veloz transición.

A primeira metade, con achegamentos en ambas as bandas, acabou cun disparo de Llompart que se foi rozando o poste e cunha gran oportunidade para Paula Gutiérrez, sen sorte na definición.

"Tivemos bastante o control pero castigáronnos nas transicións", apuntou o adestrador deportivista.

Após o paso polos vestiarios, Fran Alonso mete talento con Lucía Rivas por Bárbara.

A pesar diso, o FC Badalona Women tapou os espazos e ao Dépor ABANCA custoulle crear perigo.

Inês Pereira mantivo ao seu equipo no partido con dúas paradas a disparos de Llompart e Itzi no man a man.

No haber de As Nosas destacar un remate con moita intención de Lucía Rivas ao que respondeu a gardameta local María.

No minuto 80, O VAR anulou un tanto a Itzi após un saque de esquina por fóra de xogo da futbolista do FC Badalona Women.

Fran Alonso conclúe que "o tentamos até o final con máis corazón que acerto". Así pois, o marcador xa non se movería.

FC Badalona Women: María, Itzi, Pujadas, Cubedo, Majarín, Ana (Jankovska, min. 91), Lorena Navarro (Paula, min. 66), Julve, Banini (Kullashi, min. 84), Llompart (Nerea, min. 91) e Irina (Barclais, min. 84)

Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara, Marina Artero, Raquel, Vera, Lucía Martínez, Paula Gutiérrez, Olaya (Redru, min. 80), Ainhoa Marín, Espe Pizarro e Bárbara (Lucía Rivas, min. 57)

Árbitra: Olatz Rivera Olmedo, do comité vasco. Amoestou a Majarín (min. 34) e Espe Pizarro (min. 77)

Goles: 1-0 Irina (min. 2)

Incidencias: partido disputado no Estadi Municipal de Palamós - Costa Brava