O Fabril conclúe mañá domingo 23 de marzo ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) en Abegondo ante o Real Avilés Industrial unha intensa semana na que ademais houbo vitorias en Guijuelo (domingo 16) e en Santiago (mércores 19), neste caso en partido aprazado no mes de xaneiro polo temporal correspondente á 20ª xornada.
Con estes resultados, o filial chega ao encontro en 5ª posición da táboa con 43 puntos por 44 dos asturianos, un rival directo.
"É unha semana que lle gusta máis aos xogadores porque hai partidos seguidos e encima se tes a fortuna de gañar están moito máis contentos e con ganas de seguir con esa xeira", declarou Manuel Pablo na rolda de prensa previa.
O técnico fabrilista cre que "estamos a competir ben, consecuencia do que estamos a facer".
Espera un partido "complicado" ante un rival que "leva moitas xornadas sen perder pero temos que seguir na liña do que estamos a facer e tentar conseguir unha vitoria xa en Abegondo".
Manuel Pablo lembrou que o equipo recupera a Marotías após cumprir os seus 2 partidos de sanción pero "seguimos sen Noé e Pablo García, que case son descartes para toda a temporada; e Álex Pereira".
Matiza que a convocatoria final para o encontro depende do primeiro equipo, que "ten moitas baixas".
Pola súa banda, o Real Avilés Industrial chega a Abegondo após derrotar (1-0) ao Pontevedra CF.
Na primeira volta disputada no Estadio Román Suárez Puerta o pasado 10 de novembro (11ª xornada) venceron os fabrilistas por 0-2 con goles de Kevin Sánchez.
Lonxe do seu estadio esta temporada o Real Avilés Industrial gañou á RS Gimnástica de Torrelavega (1-3) e UP Langreo (0-2); empatou co Salamanca CF UDS (0-0), Pontevedra CF (1-1), UM Escobedo (1-1), Coruxo FC (2-2), UD Llanera (1-1), CD Laredo (2-2), Real Ávila CF (0-0) e SD Compostela (1-1); e caeu co Bergantiños CF (4-1), Real Valladolid Promesas (4-0) e CD Guijuelo (2-1).
O club asturiano anunciou nas súas redes sociais que mañá entregará un brazalete ao Fabril como homenaxe aos 25 anos do título de liga de Primera División conquistado polo RC Deportivo.
O seu técnico, Javi Rozada, asegurou que "a nosa mentalidade é ir gañar sabendo que o partido vai durar moitísimo, que vai ir ao límite".
Lembra que enfronte estará "un filial. Temos que ir madurando o partido e ir gañándoo neses mini partidos".
Non asina o empate porque "este equipo está capacitado agora mesmo para gañar a calquera pero respectamos moitísimo ao rival e ao traballo que están a facer Óscar Gilsanz no primeiro equipo e Manuel Pablo no filial".
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
