RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril en inercia positiva cítase no Malecón cunha histórica Gimnástica de Torrelavega, que quere gañar por fin en casa

O Fabril, con inercia positiva despois dun empate hai 15 días co poderoso Zamora CF e unha vitoria sobre o equipo revelación, o Racing Villalbés, hai unha semana, visita mañá domingo ás 17:00 no Malecón á histórica Gimnástica de Torrelavega.

Despois de 9 xornadas no grupo 1º de Segunda Federación, os fabrilistas son sextos na clasificación con 13 puntos.

Óscar Gilsanz recupera aos centrais que estaban lesionados, Puerto e Somolinos; ademais da Diego Gómez, un dos principais asistentes da categoría.

Iso si, con Mella lesionado no recto anterior da súa perna dereita após o seu partido en Copa del Rey do pasado mércores, Jairo, Martín Ochoa e Rubén, citados por Imanol Idiakez para viaxar a Irún, non estarán co filial.

O técnico fabrilista cre que "a participación co primeiro equipo sempre é bo para eles, sempre é bo para o día a día dos xogadores que alternan o Dépor co Fabril".

De feito, subliña que a subida de xogadores ao Dépor "é a nosa esencia como filial e o noso primeiro obxectivo, o máis importante para o Club e para todos. Como equipo temos que seguir traballando cos xogadores que están e tamén é unha oportunidade para eses xogadores que estaban a ter menos oportunidades ou ben que soben do Xuvenil. É a nosa achega que todo filial quere, ter moita presenza no primeiro equipo, canta máis mellor. Loxicamente esa presenza ten que ser paulatina e como consecuencia diso altérase o día a día pero de maneira positiva porque a cada xogador que suba, nós temos a oportunidade de traballar con outros xogadores tamén de #ANOSACANTEIRA e que queremos que vaian dando os pasos destes que están co primeiro equipo".

Kevin Sánchez, citado pola selección española sub-19 para un torneo de clasificación para o Europeo en Georgia do 15 ao 22 de novembro e Carlos son os dous xuvenís que entraron na convocatoria do filial.

O filial exercitouse esta mañá en Abegondo e a continuación saíu de viaxe cara a Cantabria. 

Óscar Gilsanz lembrou que é o "primeiro desprazamento que temos que facer o día anterior para concentrarnos alí. A alteración en canto á planificación é evidente aínda que non nos altera en nada a semana de traballo porque as sesións de adestramento e o día a día é practicamente o mesmo. Altera a planificación da viaxe en si pero non do traballo".

Pola súa banda, a RS Gimnástica de Torrelavega chega ao partido despois de caer en Ourense (2-1) a pasada fin de semana.

No seu campo do Malecón na presente liga empatou co Real Oviedo Vetusta (1-1); e caeu co Rayo Cantabria (0-3), a Arandina CF (1-2) e a SD Compostela (3-4).

Os cántabros, no que milita Javi Delgado, pichichi da categoría con 6 goles, marchan na 11ª posición con 11 puntos.

O seu técnico, Sergio Fernández, asegura que o seu equipo chega "ben. Somos profesionais e sabemos que estas xeiras suceden ao longo dunha temporada. Chegamos coa confianza de facer un bo partido, de gañar por fin en casa e que a nosa xente se ilusione connosco".

Cre que o Fabril é un "bo rival. Levo véndolles moitos partidos por ver a Óscar Marotías, a súa evolución e por ter controlada a categoría. É un equipo que fai as cousas moi ben, está ben traballado ademais dese nivel individual que teñen o mozos do filial dun Club profesional".