RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un solvente Dépor gaña de novo en ABANCA-RIAZOR (2-0)

Un solvente Dépor, que se adiantou na súa primeira opción clara de gol e apenas pasou apuros en defensa durante os 90 minutos, gañou ante o SD Logroñés o seu segundo encontro consecutivo en ABANCA-RIAZOR.

O técnico deportivista, Imanol Idiakez, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou de inicio na pasada xornada, na visita ao Stadium Gal de Irún. Germán regresou á portería en detrimento de Mackay e na zona de ataque ingresaron na aliñación titular Pablo Valcarce e Davo por Hugo Rama e Martín Ochoa.

Os branquiazuis mandaron no partido desde o principio. No minuto 5, Jose Ángel peiteou un córner moi desviado. No minuto 10, os branquiazuis adiantáronse no marcador. Lucas estrelou un libre directo no poste esquerdo do marco defendido por Iruarrizaga e un veloz e oportuno Pablo Martínez rematou o rexeite ao fondo das mallas.

Co marcador a favor, o Dépor controlou o encontro practicamente ao seu antollo, aínda que non conseguiu crear moitas ocasións de perigo. No minuto 39, Salva Sevilla estrelou en traveseiro o balón no saque dun córner desde a esquerda do ataque coruñés. No minuto 43, Davo buscou o pau máis afastado con moita intención, pero Iruarrizaga chegou de puños para desviar a pelota.

O único disparo do conxunto rioxano produciuse xa en tempo engadido e chegou desde practicamente mediocampo, cando Toni García roubou un balón e tentou sorprender a Germán. O esférico perdeuse por riba do traveseiro.

Na segunda metade, a SD Logroñés deu un paso adiante e conseguiu achegarse aos dominios de Germán nun par de saques de esquina. Nun deles, no minuto 50, Jordi Escobar disparou á media volta un balón solto na segunda xogada lateral da rede.

O Dépor recuperou o control do partido e no minuto 65 abriu brecha no marcador. Un pase interior de Salva Sevilla controlouno Lucas en carreira dentro da área. O '7' herculino cedeu atrás para Davo que marcou practicamente a porta baleira.

Cos dous goles de vantaxe, a media hora final transcorreu con tranquilidade para os branquiazuis, que unicamente sufriron ante a ocasión de Jordi Escobar no minuto 74. O dianteiro do equipo rioxano recibiu en profundidade, completamente só polo centro da área, pero disparo moi desviado á esquerda do portal coruñés.

Con anterioridade, Lucas tratou de sorprender desde mediocampo, no minuto 71, pero a pelota foise por pouco á dereita da portería visitante. No minuto 84, Paris Adot recolleu un balón solto na área após un longo ataque branquiazul, virouse e buscou o pau contrario pero demasiado frouxo. Iruarrizaga atrapou o esférico. Xa no minuto 90, un zambombazo de Hugo Rama nun libre directo desde o lateral de área tivo que rexeitalo o porteiro visitante cando se coaba pegado ao primeiro pau.

Con este triunfo, o segundo consecutivo en ABANCA-RIAZOR, o Deportivo alcanza os 17 puntos após 12 xornadas.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Salva Sevilla, Jose Ángel, Diego Villares (Rubén López, min. 90+3), Pablo Valcarce (Cayarga, min. 64), Davo (Hugo Rama, min. 75) e Lucas (Martín Ochoa, min. 90+3).

SD Logroñés: Iruarrizaga, Gexan (Trespalacios, min. 82), Aurtenetxe, Murua (Cova, min. 82), Paredes, Javi Castellano, Toni García, Óscar Fernández (Luzzi, min. 73), Damià (Jannick, min. 62), Pepe Carmona (Rubén López, min. 46) e Jordi Escobar.

Goles: 1-0 Pablo Martínez (min. 10); 2-0 Davo (min. 65).

Árbitro: Néstor Holgueras Castellanos (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Paredes (min. 9), Aurtenetxe (min. 17), Davo (min. 23), Jose Ángel (min. 53), Diego Villares (min. 68), Jannick (min. 69), Murua (min. 75), Pablo Vázquez (min. 77), Gexan (min. 78) e Javi Castellano (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.557 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK