Varios futbolistas adestráronse en Abegondo á marxe do grupo
Varios xogadores adestráronse esta mañá á marxe do grupo, no regreso aos adestramentos do primeiro equipo tras o partido de onte á noite ante o Real Madrid.
Así, ademais de Pedro Mosquera; Joselu, con molestias nun tendón de Aquiles, e Sidnei, nun aductor, serán sometidos a probas médicas complementarias nas próximas horas.
Tamén quedaron no vestiario Lux, cunha sobrecarga nun cuádriceps; e Carles Gil, con molestias na musculatura pélvica.
Kakuta realizou un traballo específico co preparador físico, José Ángel Franganillo.
Os titulares onte á noite tiveron un adestramento de recuperación, con carreira continua, estiramentos, ximnasio e masaxe.
Para os demais, incluídos os fabrilistas Óscar, Nacho Monsalve e Edu, a sesión foi de alta intensidade, con diversos exercicios de posesión, finalizacións e fútbol en espazo reducido.
Mañá venres o equipo volverá adestrarse en Abegondo ás 10:30 horas; xa coa mente posta na visita a Osasuna, prevista para este domingo 30 de abril ás 12:00 no Sadar (Bein Sports).