RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vicente aprecia un Dépor "máis aguerrido, máis loitador, quizais buscando ser máis competitivo"

Vicente Gómez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O centrocampista canario cre que se "deixou atrás o sucedido o último día da temporada pasada. Agora ir formando equipo, collendo a forma e tentando alcanzar a miña mellor versión, e o equipo a súa. Aí estamos a traballar para lograr todo isto".

Compara o vivido en Mallorca co que lle pasou sendo xogador da UD Las Palmas: "No último día, cando todo estaba de cara, perdémolo. No meu caso recomendáronnos non esquecelo, telo sempre presente. En calquera momento todo pode darse a volta. Téndoo todo aí nunha xaneliña, sendo conscientes de como se viviu esa situación, que che axude a darche forzas, darche ánimos e a sacar máis rabia en momentos delicados", conclúe.

Do choque de Son Moix, mostrouse especialmente autocrítico: "O partido que fixen foi unha merda. É a realidade. Non é que me sentise sinalado, pero son consciente de que o nivel que din non foi nin o que viña dando até o momento nin o que tocaba para ese día. Non teño ningún reparo en admitilo".

Aínda que considera "un pouco pronto" avaliar o cadro "porque non está configurado ao 100 % por tema de saídas e entradas"; subliña non obstante que "a día de hoxe vemos un equipo quizais máis aguerrido, máis loitador, quizais buscando ser máis competitivo, máis parecido ao que é a Segunda División: segunda xogada, estar máis xuntos, entender máis o de gañar os partidos partindo da portería a cero. Quizais por aí estamos a atopar boas sensacións".

Recalca Vicente Gómez que prima "a idea de ser seguros atrás, de ser un equipo fodido para os rivais, de tomar a iniciativa en canto a ir apertar e ser incómodos".

Preguntado polas aspiracións do conxunto branquiazul, opina que "por nome, equipo, cidade e todo, o Dépor sempre vai ser un candidato a todo. Pero é verdade que agora temos outra realidade económica. Outros equipos que descenderon vana a ter como a tivemos nós o ano pasado. Ningún dos tres subiu. Non é sinónimo de éxito ou de fracaso ter esa economía un pouco máis sobrante".

A nivel particular, conta que Anquela "coñécenos a todos. Sabe o que cada un pode dar. Pedirame o que el cre que podo dar. Con balón ser un xogador máis determinante como o fun en momentos da temporada pasada. E sen balón o que todos somos capaces de facer, ser agresivos, apertar e que os equipos contra nós estean incómodos. Somos capaces de ser ese equipo fodido e logo o nivel futbolístico que hai no cadro é alto para poder facer cousas importantes".

Confesa que o técnico deportivista ten claro que a súa posición vai ser "no centro do campo. Coñéceme de hai moitísimos anos. Sabe que podo render en diferentes situacións e irao valorando".

Concédese un "aprobado" á súa primeira temporada en ABANCA-RIAZOR. "O inicio foi moi bo. Estiven moi ben. A partir da segunda volta cando non fun capaz de atopar o meu mellor nivel veu acompañado polo equipo, que deixou de ter bos resultados. Cambiouse o míster. Non conseguín ter esa regularidade que me gustaría. É verdade que fun capaz de darlle a volta e ao final xogar os partidos importantes. Pero todo veu abaixo co último día, o non estar á altura cando este tipo de partidos xogueinos moitas veces, xoguei moitos playoffs e sempre rendera. Non estar á altura baixa a miña nota bastante", apunta.

Para estes últimos días de pretemporada, Vicente márcase como deberes o "ir axustando aínda máis o tema físico. E daquela todo o que estamos a traballar tácticamente que volvamos ser outra vez no próximo partido amigable ese equipo fiable; e dar un plus máis con balón. Así progresivamente para que cando chegue o primeiro partido de liga ante o Real Oviedo sexamos un equipo recoñecible e que teñamos o noso selo".