RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Víctor Narro, na súa presentación, confesa que ante a chamada do Dépor "non dubidei nin un segundo en decidirme"

Víctor Narro Valero (Palma de Mallorca, 27 de maio de 1999) presentouse esta mañá como novo xogador do Dépor para as dúas próximas temporadas.

O novo atacante deportivista pousou coa camiseta Galicia Azul, primeiro equipamento desta temporada, para os medios gráficos acompañado polo presidente do Club, Antonio Couceiro.

Xa ante os medios de comunicación, desvelou que a súa fichaxe polo Deportivo foi "rápida. Recibín a oferta no verán mentres estaba de vacacións e non dubidei nin un segundo en decidirme. Aos dous días chámoume Borja Jiménez. Díxome que viñese para acá, que confiaba en min, que ía estar a gusto. Fíxose todo moi rápido, en tres, catro días".

Nesa charla co adestrador, "díxome que estaban a facer un esforzo en traerme e que confiaba en min, que me viu este último ano, os partidos contra eles e en vídeos, e que quería que estivese aquí, que formase parte deste proxecto, que ía estar moi a gusto e que era un ambiente familiar. É o que buscaba: sentirme a gusto nun equipo e iso fíxome vir para acá".

Desvela que se decantou polo Dépor precisamente polo ambiente: "Dixéronme que era súper familiar, súper próximo e a confianza de Borja. Díxome que ía estar súper a gusto e que viña a un Club para ascender".

De feito, o atacante branquiazul pon un "10" ao recibimento do vestiario: "Faloume Ian Mackay e púxose en contacto comigo antes de vir aquí, tamén coa súa muller e a miña moza. Vir a unha cidade nova e non coñecer a ninguén, iso faiche sentir súper a gusto. Daquela os compañeiros xenial aquí no vestiario. Coñecín antes de entrar ao vestiario a Lapeña e xenial con el. Os compañeiros un 10 todos e a acollida, sensacional".

Víctor Narro é consciente que "hai presión de ascender, pero paso a paso. Se todos remamos na mesma dirección seguro que conseguimos o ascenso". De feito vese "preparadísimo. Xogar con presión é malo e se sabes xestionala é bo. Aquí xa sabemos que o obxectivo é ascender e estou seguro que o imos a conseguir este ano".

Explica sobre a súa posición no campo que leva "toda a vida xogando nas posicións de diante. Este último ano en Valladolid xoguei de banda dereita, a perna cambiada. Pero síntome cómodo tanto en dereita como na esquerda, como de mediapunta. Onde me poña o míster".

Preguntado sobre o Club, asegura o futbolista balear que "non se merece estar na categoría que está. É un Club que move moitos medios, moita afección, unha afección incrible. Eu vin aquí a xogar co Valladolid Promesas o ano pasado e quedeime alucinado, 15.000 ou 20.000 persoas cada partido. E iso é dun Club de Primeira, non de Primeira RFEF".

Finalmente destacou a Cidade Deportiva, a nova casa de Víctor Narro: "As instalacións son de Primeira. Espectacular, espectacular".