Coincidindo coas vacacións de Nadal no calendario escolar volven, un ano máis, os DéporCampus Cabreiroá nas súas dúas sedes habituais, Sada e Alvedro, e outras dúas novas, o Club del Mar de San Amaro e Pontedeume. De novo levarán a cabo diferentes actividades lúdicas todas elas relacionadas co fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do RC Deportivo.
A sede de Alvedro, que se desenvolve a cuberto no campo de fútbol indoor das instalacións de PadelPlus, continuará coa súa duración de dúas semanas e levaráse a cabo a primeira semana os días 26, 27 e 28 de decembro e en xaneiro os días 2, 3 e 4, ambas as dúas en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 h.
A sede de Sada chega á súa quinta edición e desenvolverase novamente nas instalacións do campo de fútbol municipal das Mariñas, en colaboración co Sada CF. As datas deste DéporCampus Cabreiroá de Nadal serán 26, 27 e 28 de decembro.
As novas sedes dos DéporCampus Cabreiroá de Nadal terán lugar os días 2, 3 e 4 xaneiro. A do Club del Mar desenvolverase baixo teito no polideportivo da sociedade de San Amaro e a de Pontedeume realizarase no campo da Gándara.
A sede de Alvedro conta cunha limitación de 20 prazas por semana. O número de prazas dispoñibles no Club del Mar é de 30 e tanto en Sada como en Pontedeume hai 80 inscricións dispoñibles.
En ambas as actividades poderán participar todos os nenos e nenas desde os 6 aos 14 anos. Todos os participantes recibirán un equipamento oficial dos DéporCampus Cabreiroá, ademais dos diferentes sorteos de agasallos, actividades sorpresa, etc.
As inscricións xa se atopan abertas na web oficial http://deporcampus.rcdeportivo.es/gl/ até o vindeiro xoves 21 de decembro.
Para calquera dúbida ou consulta coa inscrición poden contactar directamente coa organización na dirección de correo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.
Debido á limitación de prazas e a demanda para estas actividades de nadal, recoméndase non demorar a inscrición a todos aqueles nenos e nenas que queiran participar nestas xornadas apaixonantes de fútbol con diversas actividades, novas amizades e moito deportivismo.