RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Xunta e RFGF únense cos clubs galegos contra a violencia de xénero

A Xunta de Galicia e a Real Federación Galega de Fútbol firmaron hoxe un convenio para traballar de maneira conxunto na campaña contra a violencia de xénero. Este acordo foi presentado esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente, Alfonso Rueda, e polo presidente da RFGF, Rafael Louzán. Os tres asinaron o acordo nun acto que se desenvolveu na aula Raúl García de Loza da nova sede federativa en Santiago de Compostela. Un acto no que tamén estiveron as secretarias xerais de Igualdade e Deportes e todos os clubs galegos de 1ª División, 2ª División e 2ªB, así como Zulema González e Elena Casal, as dúas árbitros da primeira división feminina, e Bea Seijas, en representación das xogadoras.

Louzán, anfitrión do acto, foi o encargado de abrilo cunha intervención na que se mostrou agradecido á Xunta por pensar na Federación e no fútbol galego como altavoz dunha campaña na que "queremos aportar o noso gran de area na eliminación desta lacra que é a violencia de xénero".

O presidente destacou a aposta da federación e do fútbol pola igualdade e puxo como exemplo a Zulema e Elena, dúas mulleres que están no máis alto da arbitraxe a nivel nacional.

Louzán rematou agradecendo a colaboración dos clubs, que son os que nos seus partidos desta fin de semana van a dar difusión á campaña cunha serie de actos nos prolegómenos dos encontros.

En todos os campos dos nosos equipos de 1ª, 2ª e 2ªB que xoguen na casa poderase ver un gran lazo violeta, o símbolo da loita contra a violencia de xénero.

A presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, falaron en representación do fútbol galego poñendo o acento no traballo en valores que se fai desde os clubs, especialmente cos máis cativos.

Os clubs estiveron representados polas seguintes persoas:

Real Club Celta: Carlos Mouriño (presidente); Carmen Avendaño (conselleira) e Germán Arteta (director da Fundación).
Real Club Deportivo: Daniel Ramos (conselleiro).
Club Deportivo Lugo: Olga Rouco (vicesecretaria).
Pontevedra CF: Lupe Murillo (presidenta).
Coruxo FC: Gustavo Falqué (presidente).
Racing Club Ferrol: Pepe Criado (presidente).
CCD Cerceda: José Antonio Silveira "Costas" (presidente).
Rápido de Bouzas: Manuel Seoane (presidente).

O presidente da Xunta pechou un acto cunha intervención na que agradeceu a colaboración do fútbol galego resaltou a importancia de que as institucións e o mundo do deporte colaboren para educar na igualdade.

Feijóo quixo aproveitar o acto para agradecer a todos os clubs galegos que militan nestas divisións pola súa implicación nesta campaña, “que é só un primeiro paso”, aseverou. Non en van, precisou que o obxectivo é implicar a todas as categorías, tanto do fútbol feminino como o fútbol afeccionado e base, para que a colaboración non se limite ao 25 de novembro senón que se estenda aos 365 días do ano. “Necesitamos concienciar os máis novos e os afeccionados de que a violencia de xénero é intolerable”, sentenciou, incidindo en que o deporte ten moito que dicir e moito que axudar neste eido.