RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Yeremay, deportivista até 2030: Estou moi feliz de poder estar moitos anos aquí

Yeremay Hernández Cubas (Las Palmas de Gran Canaria, 10 de decembro de 2002) formará parte do Dépor até xuño de 2030.

Por este motivo, o canteirán compareceu este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR acompañado polo Director Deportivo, Fernando Soriano, quen manifestou que "estamos encantados de poder verte aquí durante moitísimo tempo e que podamos celebrar moitas cousas xuntos. Desexarche o mellor".

"Ninguén lle regalou nada. Gañouno co seu sacrificio, o seu traballo, o seu esforzo. A nosa misión é crear a súa oportunidade e eles mesmos son os que teñen que gañala", engadiu.

Explica que nas negociacións, "a predisposición de Yeremay foi sempre a de antepor estar aquí por encima de calquera cousa. Xa levou a cabo antes unha renovación. Polos seus méritos, o seu sacrificio, o seu traballo, o seu esforzo diario provocou que haxa outra ampliación. E oxalá dentro dun ano teñamos que sentarnos outra vez porque hai que falar de máis cousas. Foi todo bastante sinxelo".

O Director Deportivo branquiazul subliña "o reforzo que queremos mostrar con todas estas renovacións, a de Yeremay a última, dunha aposta firme e clara da dirección que vai levar o Club a partir destes momentos"; e confirma que a negociación "levaba varios días pechada pero queriamos buscar o momento. Esta fin de semana, se non cambia, non poderá disputar o partido e queriamos que influíse o menos posible porque agora estamos centrados neste tramo de temporada, a Cultu".

Fernando Soriano aclara que o esforzo nesta renovación é "por parte de todos. É unha cousa conxunta. Unimos o noso crecemento como Club ao de xogadores que vemos que senten o Club como o que máis. Esa é a dirección que estamos a querer tomar desde que estamos aquí. É o camiño. Queremos que os nosos xogadores referencias que o están demostrando tanto dentro como fóra do campo cunha serie de actitudes estean connosco o máximo tempo posible".

Sen falar de cifras por ser "confidenciais, todo vai acorde co que un ten. O importante é que vai estar aquí connosco moitísimo tempo", asegura que a clausula de rescisión de Yeremay é "alta". 

Finalmente confirmou que a renovación de David Mella e Jairo Noriega están "en proceso".

 

Estas foron algunhas das frases de Yeremay:

Datas
"Hai unha semanas estaba todo pechado".

Significado da renovación
"Estou moi feliz de poder estar moitos anos aquí no Deportivo. Quería quedarme no Dépor e hoxe estou aquí cumprindo o que dixen".

Pensamento coa chamada do Club
"Se me renovan de novo será porque estou a facer as cousas ben. Cando me chamaron preferín quedarme".

Valoración da temporada
"Estou a facer unha boa temporada. Comparada ás anteriores crecín moito. Aínda me queda moito que aprender, moitas cousas que mellorar pero estou contento coa temporada que estou a facer. Quedan 5 partidos, oxalá poida facelo moi ben e que despois se me preguntas de novo dicirche que si, que fixen unha boa temporada".

Mimos do Club
"Todo o que está a pasar, o que me pasou foi porque o gañei. Non foi porque alguén dixese 'toma, regalámoscho'. Tiven que cambiar moitas cousas na miña vida e no fútbol para que todas estas cousas boas que me están pasando sucedan".

Apoios
"A miña familia o primeiro. Logo o meu representante que estivo sempre aí comigo, apoiando as miñas decisións porque o que toma a decisión son eu. Moitas veces cando non xogaba dicíame que podiamos irnos e eu sempre lle dicía que non. Ía pelexar e aquí estou".

O Yeremay da súa chegada á Coruña en cadetes
"Non queda nada".

Renovación de Mella
"Oxalá renove".

Momentos especiais
"Acórdome cando cheguei aquí hai 7 anos. Non sabía o grande que era o Dépor. Non o sabes ata que non estás aquí. Acórdome de todos os traballadores de Abegondo, utileros, na residencia Elkin (Flórez), Albert Gil, e Fernando Soriano e Massimo Benassi, que son as dúas persoas que apostaron por min".

O acto concluíu cun pousado de Yeremay para os medios gráficos no céspede de ABANCA-RIAZOR.