RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Yohana continuará no Dépor ABANCA até 2026

Yohana Gómez Camino (San Pablo de los Montes, Toledo, 20 de xaneiro de 1994) prolongou o seu contrato co Deportivo ABANCA por dúas temporadas, até xuño de 2026.

A porteira toledana acaba de pechar a súa segunda temporada nas filas do Dépor ABANCA, co que logrou o ansiado ascenso á Liga F despois de tres temporadas no segundo chanzo do fútbol nacional.

Yohana participou en 29 partidos durante estas dúas campañas, todos como titular. A gardameta manchega xogou 25 choques de Primera Federación Iberdrola, 2 de Copa de la Reina e 2 de playoff de ascenso a Liga F.

Yohana comezou a súa carreira nas filas do CDE Gálvez (2008-2012) e do CDE Guadamur (2012-2013), antes de pasar un ano ao fútbol sala, co Almagro FSF (2013-2014). Despois de regresar ao CDE Guadamur (2014-2017) fichou polo CD Tacón (2017-2020) e xogou no Real Madrid CF na primeira temporada da súa historia (2020-2021). No conxunto branco compartiu portería con dúas coñecidas do deportivismo: Ana Valles e Misa.

A porteira toledana aterrou no Dépor ABANCA no verán de 2022, procedente do Rayo Vallecano, equipo co que xogou 4 partidos de Primera Iberdrola e 1 de Copa de la Reina no curso 2021-22.

Yohana é a cuarta renovación no primeiro equipo feminino do Club confirmada tralas de Paula Gutiérrez, Cris Martínez e Samara, todas elas igualmente até xuño de 2026.