SECCIÓNS

AS SECCIÓNS DEPORTIVAS DO RC DEPORTIVO EN 32 NOMES

JOSÉ LUIS ABELEDO
Hockey
JOSÉ LUIS ABELEDO
Hockey

Vinculado durante toda a súa carreira á figura de Venancio Parga, é o único xogador da sección de hóckey a patíns que chegou a disputar dez temporadas co equipo do RC Deportivo: 1964-1969, 1972-1973 e 1975-1979. Durante ese tempo, conquista dous campionatos de Galicia, participa na Liga Nacional de 1967, logra o ascenso a Primeira División de 1978 e forma parte do último equipo da historia do Club, na campaña 1978-1979.

BERNARDINO ADARRAGA
Atletismo
BERNARDINO ADARRAGA
Atletismo

Pioneiro do decatlón en España, tamén foi o primeiro atleta español en conquistar unha medalla de ouro nunha competición internacional, ao impoñerse nesa proba nos Xogos Mediterráneos de 1955, celebrados en Barcelona. Ese mesmo ano recibiu a Copa Barón de Güell, o premio ao mellor deportista nacional. Sendo atleta do Deportivo conseguiu tres títulos de campión de España de decatlón (1955, 1956 e 1957) e un récord de España que perdurou doce anos.

JOAQUÍN ALEJOS
Boxeo
JOAQUÍN ALEJOS
Boxeo

Único púxil deportivista que conseguiu cinguir o cinto de campión de España amateur, o do peso pluma de 1944, foi un dos mellores boxeadores galegos da súa época. O mugardés tivo despois un exitoso percorrido como profesional, chegando a proclamarse campión de España do peso pluma tras bater na Praza de Touros da Coruña, en 1949, ao catalán Francisco Latorre. Tras defender o cinto ante Antonio Martí, en Barcelona, perdeuno na súa segunda defensa, tamén na Cidade Condal, fronte ao madrileño Luis de Santiago.

ELIA AMIEIRO
Atletismo
ELIA AMIEIRO
Atletismo

Atleta do RC Deportivo a finais dos anos 60, foi a primeira récordwoman nacional de 1.500 metros (4:52.9), ao vencer a primeira carreira de esta distancia disputada en España, en 1969 no Estadio de Riazor. Proclamouse tamén campioa galega de cross aquel mesmo ano.

PEDRO ARTEAGA
Atletismo
PEDRO ARTEAGA
Atletismo

Atleta do RC Deportivo entre 1959 e 1969, malia atoparse en Madrid becado na Residencia Blume desde 1962, conquistou o título nacional de 400 metros lisos en 1964 e formou parte da primeira remuda española en gañar unha medalla internacional, a de prata en 4x400 metros lisos nos Xogos Mediterráneos de 1963, en Nápoles. Igualmente, formou parte do equipo nacional que bateu o récord de España de 4x400 en 1966 e que durou ata 1969.

ÁNGELES BARREIRO
Atletismo
ÁNGELES BARREIRO
Atletismo

A primeira gran discóbola que tivo España. Foi a primeira española en superar os 50 e os 60 metros e a primeira lanzadora mundialista (1991) e olímpica (1992), xunto a Margarita Ramos (peso) en ambas ocasións. A boimortense fixo pleno de títulos nacionais (1985, 1986 e 1987) no seu segundo paso polo RC Deportivo (antes estivera entre 1977 e 1981), no que tamén subiu ao podio en peso (2 pratas e 1 bronce). Vestida de branquiazul bateu en cinco ocasións a plusmarca española, levándoa de 50.40 m a 54.54 m.

JULIÁN BERRENDERO
Ciclismo
JULIÁN BERRENDERO
Ciclismo

“El negro de los ojos azules” foi un dos mellores ciclistas españois ata a eclosión de Federico Martín Bahamontes. Foi o cuarto español en gañar unha etapa do Tour (1937) e o segundo en levar o maillot de rei da montaña (1936). En 1942 correu para o RC Deportivo-González Byass, gañando a súa segunda Volta a España consecutiva, ademais do GP da Montaña e dúas etapas. No seu único ano como deportivista tamén triunfou na Volta a Levante e no Campionato de España en Ruta.

FERNANDO BREMÓN
Atletismo
FERNANDO BREMÓN
Atletismo

Deportivista entre 1950 e 1961, Bremón foi un atleta no máis amplo significado da palabra. Xogou nos equipos de hóckey sobre patíns, baloncesto, hóckey herba e balonmán do RC Deportivo, ademais de ser un bo futbolista e un gran nadador. Porén, os seus mellores resultados acadounos no atletismo. Foi campión de España en tres ocasións (400 metros lisos en 1954 e 1955 e 200 metros lisos en 1955) e defendeu 10 veces a camiseta da selección española, cos Xogos Mediterráneos de 1955 como a súa aparición máis importante.

VICENTE CUCARELLA
Fútbol
VICENTE CUCARELLA
Fútbol

Este barcelonés, suboficial da Policía Armada antes do estoupido da Guerra Civil e ascendido a oficial durante a contenda, chegou desterrado a Marineda, onde botou raíces da man do Dépor. Preparador físico, masaxista, director técnico das seccións deportivas... Durante 32 anos (1942-1974) estivo ao servizo do Club e, aínda que sempre foi unha cara visible xunto ao primeiro equipo de fútbol, o seu labor para a formación e difusión das seccións deportivas foi impagable.

JESÚS DÍEZ DEL CORRAL
Ajedrez
JESÚS DÍEZ DEL CORRAL
Ajedrez

Campión nacional absoluto en 1955 e 1965 e un dos únicos sete españois que subiron ao podio nunhas Olimpíadas de Xadrez (bronce en 1962) en toda a historia, compite en 1966 co Deportivo ao atoparse na Coruña por motivos laborais. Este notario e rexistrador da propiedade nacido en Zaragoza foi o segundo xadrecista español, tralo lendario Arturo Pomar, en obter o título de Gran Mestre Internacional, en 1974.

JORGE DONCEL
Atletismo
JORGE DONCEL
Atletismo

Campión de España de 400 metros lisos en 1950, foi atleta do RC Deportivo entre 1946 e 1952, aínda que anteriormente foi membro do equipo branquiazul de hóckey a patíns, desde a súa creación en 1942 (foi o porteiro deportivista no primeiro partido) até 1945. Tamén se dedicou con éxito á proba dos 800 metros lisos, na que aínda que nunca se proclamou campión de España si logrou varios podios.

PICO FERRER
Fútbol
PICO FERRER
Fútbol

As milicias universitarias trouxeron a Galicia, en 1966, a Francisco Ferrer Escobar, consagrado xogador no Voltregá, co que conquistou unha Copa de España (1965), unha Liga española (1965) e unha Copa de Europa (1966) e chegou a formar parte da selección española absoluta en 1961. Coñecido polo alcume de 'Pico', formou parte do equipo deportivista que conquistou o título galego 1966-1967 e que participou por primeira vez na Liga Nacional, alcanzando a sétima praza.

ALBERTO GALMÁN
Fútbol
ALBERTO GALMÁN
Fútbol

Xogador do RC Deportivo nas últimas temporadas de vida da sección, granxeouse un brillante palmarés no lustro en que compartiu a portería do Liceo con José Luis Huelves. O gardameta coruñés conquistou co equipo verdibranco 2 Ligas, 2 Copas do Rei e 1 Copa Cers.

MANUEL GAYOSO
Atletismo
MANUEL GAYOSO
Atletismo

Un dos mellores atletas galegos de todos os tempos vestiu de branquiazul en 1971 e 1972. O pontevedrés nunca foi campión de España co RC Deportivo (o foi en tres ocasiones co Celta e noutras tantas coa Gimnástica de Pontevedra) pero en 1972 asinou unha das mellores actuacións do atletismo español nuns Xogos Olímpicos. Nos JJOO de Múnic foi finalista dos 800 metros durante uns minutos pola descualificación do kenyano Mike Boit, recalificado trala protesta do comité olímpico do seu país. Até entón, só dous españois sabían o que era un diploma olímpico: Constantino Miranda (3.000 metros obstáculos en 1948) e Luis Felipe Areta (lonxitude en 1964).

ISIDORO HORNILLOS
Atletismo
ISIDORO HORNILLOS
Atletismo

Valisoletano de nacemento pero coruñés de adopción, após chegar a Sada aos 8 anos de idade, foi atleta do Deportivo desde os 16 anos até os 30 (1975-1987). Campión de España ao aire libre (400 metros lisos en 1979), en pista cuberta (400 en 1979 e 200 en 1982), olímpico en Moscova'80 (400 e 4x400) e récordman español de 400 (46.24) desde 1979 até 1983. Aínda ostenta a plusmarca nacional dunha proba non olímpica, 4x200 metros (1:23.69 en 1986). En 1980 recibiu a insignia de ouro e brillantes do Club pola súa participación nos Xogos Olímpicos.

Mª JOSÉ MARTÍNEZ PATIÑO
Atletismo
Mª JOSÉ MARTÍNEZ PATIÑO
Atletismo

Atleta do RC Deportivo entre 1975 e 1983, foi coñecida no mundo enteiro en 1985 debido a un caso de alteración cromosómica, nunhas análises realizadas antes da súa participación na Universiada de Kobe polos que a IAAF a tivo inxustamente sen competir durante tres anos. Como atleta branquiazul, o seu maior éxito foi ser unha das tres españolas presentes nos primeiros Campionatos do Mundo, en 1983, onde ademais superou a primeira rolda dos 100 metros valas. Foi campioa de España indoor de 60 metros lisos (1982).

DOMINGOS MERINO
Ajedrez
DOMINGOS MERINO
Ajedrez

Un dos xadrecistas máis notables do equipo deportivista e, sen dúbida, o máis famoso. Merino foi compoñente do primeiro conxunto de xadrez do RC Deportivo (1965), co que xogou case unha década e co que foi medalla de bronce en dúas ocasións (1972 e 1973) no Campionato de España Absoluto e gañou en 5 ocasións o campionato galego, aínda que alcanzou maior transcendencia a través da política. O xadrecista foi o primeiro alcalde da Coruña na democracia, cargo que ostentou entre o 19 de abril de 1979 e o 25 de marzo de 1981.

MARIAN MOINELO
Atletismo
MARIAN MOINELO
Atletismo

Atleta deportivista entre 1973 e 1979, foi campioa de España de salto de lonxitude en 1976, con só 18 anos. Durante aquel 1976 estableceu unha marca galega (5.85m) que sobreviviu case tres décadas, até 2004. Foi internacional absoluta en 4 ocasións, a primeira delas cando só tiña 16 anos. Unha enfermidade renal conxénita truncou unha prometedora carreira deportiva cando unicamente tiña 20 anos.

EMILIANO MORENO
Atletismo
EMILIANO MORENO
Atletismo

Delegado da sección de atletismo primeiro e responsable das seccións deportivas a partir de 1966, durante máis de vinte anos, tamén exerceu como vicesecretario e secretario de diversas Xuntas Directivas nos anos 80, até a súa saída do Club coa disolución da sección de atletismo, en 1988.

JOSÉ OTERO
Atletismo
JOSÉ OTERO
Atletismo

Durante vinte e un anos (1958-1978) defendeu as cores do Deportivo, o único club da súa carreira. Tres veces campión de España absoluto de lanzamento de martelo (1964, 1965 e 1966), foi 15 veces internacional absoluto entre 1962 e 1967. O 11 de xullo de 1965, en Bourges (Francia), fixo historia ao converterse no primeiro español en superar a barreira dos 60 metros (60.46).

VENANCIO PARGA
Hockey
VENANCIO PARGA
Hockey

Adestrador do RC Deportivo de hóckey a patíns en tres épocas distintas (1965-1969, 1972-1973 e 1975-1979), levou aos branquiazuis a conquistar dous campionatos galegos (1967 e 1969) antes de emprender unha das maiores aventuras xamais vivida por un deportista coruñés. Parga converteuse en seleccionador australiano e levou ao combinado 'aussie' a lograr, no Mundial de Oviedo en 1976, a primeira vitoria da súa historia fronte a un conxunto europeo.

MIGUEL ÁNGEL PRIETO
Atletismo
MIGUEL ÁNGEL PRIETO
Atletismo

O marchador segoviano foi atleta do RC Deportivo nos seus anos mozos, desde os 17 aos 21 (de 1981 a 1986, coa excepción de 1985, en que federouse como independente), a pesar do cal logrou o maior éxito da súa carreira cando pertencía á disciplina branquiazul. Prieto conseguiu a medalla de bronce nos 20 quilómetros marcha dos Campionatos de Europa de 1986, en Stuttgart. Aquela temporada tamén logrou o seu único título nacional, o dos 5.000 metros marcha en pista cuberta.

DELIO RODRÍGUEZ
Ciclismo
DELIO RODRÍGUEZ
Ciclismo

O líder da saga ciclista ponteareá correu no RC Deportivo en 1942 e 1943, do mesmo xeito que os seus irmáns Pastor, Emilio e Manuel. Nesas dúas temporadas sumou ao seu palmarés 8 triunfos parciais na rolda española, ademais da Madrid-Valencia e a Subida ao Naranco. Aínda ostenta hoxe en día a marca de vitorias de etapa na Volta a España, con 38 ao longo da súa carreira.

MONCHO RODRÍGUEZ
Atletismo
MONCHO RODRÍGUEZ
Atletismo

Con tres dobretes 200-400 metros lisos (1944, 1946 e 1947), é o atleta que máis títulos nacionais deu ao RC Deportivo. En 1946 baixou a marca nacional de 400 a 49.0, plusmarca que se mantivo en vigor nada menos que 13 anos, até 1959. Atleta branquiazul entre 1944 e 1947, con anterioridade, en 1942, converteuse no primeiro español en romper a barreira dos 50 segundos na volta á pista e no primeiro galego en recibir a Copa Barón de Güell ao mellor deportista de España en calquera disciplina.

AURELIO RUENES
Fútbol
AURELIO RUENES
Fútbol

Nacido en Corme en 1892, e emigrado a Arxentina aos 12 anos, volveu a España con 22, para establecerse na Coruña e crear, a partir de 1920, diversas empresas e chegar a ser tenente de alcalde. Gran afeccionado ao RC Deportivo, en 1941 convértese en presidente do Club, sendo o promotor da creación das seccións deportivas. En 1945 abandona o cargo, que volverá ostentar na Temporada 1946-1947 por petición dos socios.

JOSÉ MARÍA SASTRE
Hockey
JOSÉ MARÍA SASTRE
Hockey

Pioneiro do hóckey rodado, foi o introductor deste deporte na Coruña e en Galicia (onde se atopaba realizando o servizo militar), ademais de ser xogador e adestrador do RC Deportivo no primeiro partido disputado en territorio galego, en 1942. Unha década despois repetiu como introductor do hóckey en Cantabria, cando foi destinado a traballar en Santander, en 1952, creando o equipo da factoría de celulosa Sniace, en Torrelavega.

NELA SOUTO
Atletismo
NELA SOUTO
Atletismo

Cando en 1963 púxose fin a un veto dun cuarto de século ao atletismo feminino en España, irrompeu con forza esta coruñesa, que alcanzou a internacionalidade tanto en hóckey herba como nas pistas de cinza. Nelas, o seu gran ano foi 1964, no que conquistou o dobrete 100-200 metros lisos nos Campionatos de España, e no que formou parte da primeira selección española feminina da historia, nun encontro ante Portugal en Lisboa, o 12 de setembro.

DOLORES TASENDE
Fútbol
DOLORES TASENDE
Fútbol

Brillante futbolista, deixou o balón ao carón guiada polo seu irmán e excelente fondista Ramón. Pertenceu ao RC Deportivo toda a súa carreira, entre 1968 e 1976, alcanzando a internacionalidade nun encontro ante Dinamarca en 1974. Campioa de Galicia en 10 ocasións, tamén subiu ao podio nacional 5 veces, aínda que se lle resistiu o ouro. Foi unha das catro atletas que, o 30 de marzo de 1969, participou na primeira carreira de 1.500 metros celebrada en España.

RAMÓN TASENDE
Atletismo
RAMÓN TASENDE
Atletismo

Deportivista entre 1964 e 1970, como atleta branquiazul foi convocado para disputar o Cros das Nacións (os Campionatos do Mundo de campo a través) en dúas ocasións, 1968 e 1969. Na súa primeira participación ocupou o posto 51, que axudou á España de Mariano Haro, Javier Álvarez Salgado e Carlos Pérez a colgarse a medalla de bronce por equipos. Na segunda, fixo 52º e 6º por conxuntos.

COLOMÁN TRABADO
Atletismo
COLOMÁN TRABADO
Atletismo

Un dos grandes nomes do atletismo español na década dos 80 foi deportivista entre 1981 e 1984. Neses catro anos foi catro veces campión de España ao aire libre, en 800 metros lisos (1981, 1982 e 1984) e 1.500 metros lisos (1983). Tamén logrou a coroa nacional de 800 en pista cuberta en tres ocasiones (1981, 1982 e 1983). Baixo teito, e sempre nos 800 metros, proclamouse campión de Europa en 1983 e colgouse a medalla de bronce continental un ano antes. Ese mesmo metal saboreouno nos Xogos Mediterráneos de 1983, ano en que formou parte da selección española que disputou, en Helsinqui, os primeiros Campionatos do Mundo, nos que foi semifinalista. Tamén foi olímpico en 1984, onde pasou a primeira eliminatoria a pesar de correr mancado e non correu os cuartos de final por lesión. En 1984 estableceu o récord nacional de 800 (1:45.15) que durou seis anos.

FERMÍN TRUEBA
Ciclismo
FERMÍN TRUEBA
Ciclismo

Irmán menor de Vicente Trueba, primeiro español que gañou o GP da Montaña do Tour de Francia, Fermín foi igualmente un gran escalador, como mostran os seus triunfos no seu único ano no RC Deportivo: Subida ao Naranco (carreira na que ten o récord de vitorias, con 3), Cinto de Bilbao, Campionato de España de Escalada en Ruta e Subida a Santo Domingo. Antes de ser branquiazul foi campión nacional de fondo en estrada e gañou o GP da Montaña da Volta a España.

JORGE ZAPATA
Atletismo
JORGE ZAPATA
Atletismo

Toda unha vida (1965-1979) vestido de branquiazul. Aínda que comezou practicando lonxitude e triplo, alcanzou o primeiro nivel nos valos altos. Foi o primeiro español en baixar de 14 segundos nos 110 metros valados (1976) e dos 8 segundos nos 60 metros valados en pista cuberta (1974). Dúas veces campión de España de 60 metros valados (1974 e 1976), competiu en tres campionatos de Europa indoor (1974, 1976 e 1977), acariñando a final nos dous últimos.