RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
GL

Trofeo Teresa Herrera

Image

Teresa Margarita Herrera y Pedrosa naceu na Coruña o 10 de novembro de 1712. A coñecida entón como "Teresa dos demos", por ser considerada unha especie de "meiga", tivo unha vida moi difícil. Ao quedar a súa nai viúva e con dez fillos -sete dos cales morrerían mozos- abandonou o seu fogar a unha idade moi temperá, entregándose o resto da súa vida para loitar en prol dos desfavorecidos. No ano 1789, Teresa Herrera doou os seus bens á congregación da Virxe das Dores para que levase a cabo o seu vello obxectivo de fundar un hospital de caridade na cidade, do cal se poría dous anos máis tarde a primeira pedra.

E foi baixo a sombra de tan loable cometido que en 1946, ao amparo da Xunta Local de Beneficencia, xurdiu un evento balompédico que procuraba canalizar a solidariedade social nunha época de penuria. Foi aquela idea, a de proporcionar alivio económico aos máis desfavorecidos a través dun grande torneo de fútbol, xenial para a súa época e todo un precedente na maximización económica deste deporte. O espírito filantrópico do recentemente nado torneo non podía ter mellor cabeceira que o nome da histórica benefactora coruñesa. O primeiro partido celebrouse o 31 de xullo e rexistrou o resultado final de Sevilla 3 - Athletic 2.

Mais o binomio Teresa Herrera/Coruña, adquire pleno sentido co trío que completa o RC Deportivo. Aínda que nun primeiro momento o regulamento do torneo prohibía a participación do club coruñés, pretendendo con iso salvagardar a orixinalidade do cartel, paradoxalmente co paso do tempo aconteceu o contrario, ata o punto de que os branquiazuis se constituiron no principal reclamo desta insigne competición. O Deportivo converteuse no equipo con máis participacións no Teresa Herrera na súa XLV edición, e houbo que tardar tanto tempo porque os frecuentes desatinos coa Segunda División apartárano de numerosas edicións. Na cidade sempre houbo, e moi fundamentalmente a finais da década dos 80, un importante conflito entre quen pensaba que debía primar unha alta calidade en todos os participantes no torneo, e aqueles que xulgaban imprescindible a participación do Deportivo. Un debate que, ao cabo, trasluce o alto nivel que tradicionalmente se lle exixe a esta competición.

Mais o certo é que a organización do Teresa Herrera sempre tivo á súa disposición ao Deportivo mesmo nos momentos máis críticos, como acontecera en setembro de 1962, cando o torneo aínda non estaba fechado e houbo que recorrer urxentemente ao club branquiazul para enfrontarse contra o Benfica lisboeta a fin de non suspender a celebración. Curiosamente, daquela edición improvisada xurdiría un dos máis lendarios partidos do Trofeo, aquel no que nun 9 de setembro, Montalvo, Veloso, Ruíz e Jaime Blanco lle endosaron un rotundo 4-2 ao mítico Benfica de Eusebio, o flamante Campión de Europa só catro meses antes.

Foron 70 equipos diferentes os que participaron no Teresa Herrera, constituíndose por iso nun xenuíno fito internacional do fútbol estival ao que os equipos acoden orgullosos de tan só participar. España, Brasil, Francia, Reino Unido, Holanda, Portugal, Alemaña, Hungría, Italia, República Checa, Uruguai, Romanía, Rusia, Ucraína, Serbia, Arxentina, Austria, Bélxica, Suecia, Suíza e México, son os países que conforman o historial dese cadro impresionista do fútbol mundial que é o Teresa Herrera.

O Teresa Herrera é depositario das máis ancestrais tradicións culturais de Galicia. A historia fixo cristalizar nel un binomio máxico: a xoiaría coruñesa e a pratería compostelá. Ningún dos trofeos oficiais que culminan as máis lonxevas competicións pode presumir de tantas e tan orixinais características. De feito, nos tempos do máis puro materialismo a elaboración de semellante trofeo de forma anual e para unha competición amigable pode semellar un capricho. Mais neste caso non o é, porque o Teresa Herrera non só forma parte da historia da cidade, senón que é viva esencia da mesma e niso estriba a clave da súa perdurabilidade.

Nada máis paradigmático que o trofeo do cincuentenario, sen dúbida unha obra cume xamais superada. Nela empregáronse máis de 2.400 horas de traballo; 7,4 quilos de ouro e 32,7 de prata que deron forma a un espectacular híbrido das dúas tradicións do Teresa Herrera, a das copas, a máis valiosa, que foi mantida até a XXIV edición, e a das torres a partir desta última. Dise que nunha hipotética poxa o citado trofeo podería roldar o millón de euros.

En calquera caso non é máis que unha forma de falar, porque o valor do Teresa Herrera é incalculable. Como patrimonio da cultura universal xustifícase en por si e merecería un lugar de honra entre o máis selecto do Louvre, Ermitage ou British. O Teresa Herrera é un orgullo para Galicia, un luxo para A Coruña e, transcorridas setenta e seis edicións converteuse en moito máis que unha obra de arte.

PALMARÉS MASCULINO

PALMARÉS FEMENINO