RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
TERESA HERRERA

O Dépor ABANCA, con outro solvente partido, conquista ante o SC Braga o seu sexto Teresa Herrera

O Dépor ABANCA presentouse en ABANCA-RIAZOR ante #ANOSAFORZA este sábado 9 de agosto na 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera feminino, co SC Braga como rival.

Venceron xustamente As Nosas por 2-0 noutro solvente partido das xogadoras de Fran Alonso.

Desta forma, as branquiazuis lideran o palmarés do torneo con 6 'torres'.

Ambos os equipos víronse as caras nesta pretemporada na Cidade Deportiva do SC Braga. Tamén venceron claramente As Nosas por 0-4.

Foron baixa nas Nosas as lesionadas Millene Cabral, Olaya e Vera Martínez; ademais das internacionais da Copa América, Michi Apóstol e Espe Pizarro, que se incorporarán a semana próxima.

En canto ao SC Braga, foi a primeira ocasión na que participou neste torneo; e é o cuarto equipo portugués en tomar parte após o Boavista FC, Valadares Gaia FC e FC Famalicão.

Fran Alonso dispuxo dunha liña con 3 centrais con Merle Barth, Marina Artero e Elena; con Samara e Monteagudo como carrileras. Henar e Redru situáronse por diante, con Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e Marisa como referencias ofensivas.

O choque arrincou ben. Aos 2 minutos, Marisa, unha dianteira con gran olfacto de gol, puña en vantaxe ás deportivistas.

Apertou o SC Braga, un conxunto con até 8 internacionais, en busca do empate.

No entanto, puido marcar o Dépor ABANCA o segundo aos 25 minutos. Samara rouba un balón na zona de tres cuartos que cede a Ainhoa Marín. A atacante faise un oco entre a defensa e o seu disparo sácao a córner Patricia Morais nunha gran parada.

Nos instantes finais da primeira parte, de novo noutra contra por banda dereita, Ainhoa Marín cabecea lixeiramente desviado en posición forzada. 

A presión alta das Nosas fixo que o SC Braga apenas inquietase a meta de Inês Pereira.

Elena xutou moi forte após un saque de esquina e obriga a intervir de novo a Patricia Morais.

Con esta ocasión finalizou a primeira parte.

Após o paso polos vestiarios, Redru, outra canteirá que pide paso, colocou o balón no recanto dereito da meta de Patricia Morais. O Teresa Herrera  feminino quedou sentenciado.

Redru xa marcara o pasado mércores no amigable ante o Sporting CP.

Con esta vantaxe no marcador, e co carrusel de cambios en ambos os equipos, ao Dépor ABANCA foille suficiente con ir deixando pasar os minutos para conquistar a 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera.

Deportivo ABANCA: Inês Pereira (Yohana, min. 75), Samara (Paula Novo, min. 62), Henar (Sara, min. 88), Marina Artero, Paula Gutiérrez (Lucía Martínez, min. 62), Monteagudo (Cavanagh, min. 62), Ainhoa Marín ( Eva Dios, min. 75), Marisa (Carmen, min. 75), Elena (Laura Ruiz, min. 88), Barth (Valbuena, min. 75) e Redru (Bárbara, min. 62)

SC Braga: P. Morais, Miller, Lewis (Alicia C., min. 52), Carol (Cris, min. 81), M. Alagoa (Dudukovich, min. 65), Malu (Öling, min. 65), Halldórsdóttir (Melany, min. 81), Zoï (Nadia Filipa, min. 86), Ágata Filipa (Arnardóttir, min. 52), Moon e Ana Rute

Árbitra: Beatriz Cuesta Arribas, do comité galego. Amoestou a Alagoa (min. 39) 

Goles: 1-0 Marisa (min. 2); 2-0 Redru (min. 50)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR con moita calor